O PP de Ourense pide fomentar as axudas aos retornados
O PP de Ourense reclamará ao Estado que remate coa “inacción” na axuda aos retornados e unha maior axilidade nos prazos de concesión de permisos de residencia. Estas foron dúas das cuestións analizadas na reunión que mantivo a Vicesecretaría de Emigración do PP ourensán, que preside Antonio Rodríguez Miranda, encontro no que se planificou a actividade a desenvolver en 2025. O obxectivo é realizar un estreito seguimento da realidade dos máis de 100.000 ourensáns que residen no exterior, así como da gran cantidade de retornados que hoxe volven a residir na provincia para axudalos nas súas necesidades.
Miranda destacou que a Vicesecretaría tamén se ocupará de “entender e atender” as necesidades e demandas da nova poboación ourensá e as súas familias que, sen ser españolas, chegaron de diferentes partes do mundo, sobre todo de América, e que xa son parte da sociedade da provincia.
Nesta liña, os membros da Vicesecretaria de emigración terán encontros periódicos cos distintos colectivos e desenvolverán actividades informativas e de reflexión que permitan axudar a resolver as problemáticas que mais os preocupan.
O capítulo de reivindicacións tamén estará presente, de tal xeito que desde o PP de Ourense reclamarase ao Estado unha mellora dos procedementos e sobre todo dos prazos na concesión de permisos de residencia, problema que impide a estas familias a súa incorporación con normalidade nos diferentes ámbitos da sociedade. Desde a propia Vicesecretaría constátase, a través de testemuñas, situacións de irregularidade no acceso a estes servizos que os responsables do Estado na provincia deberían corrixir.
Tamén pedirase ao Estado que actúe para axudar aos retornados. A administración galega xa presta este servizo cun “importante esforzo e claro compromiso político”, subliñan os membros da Vicesecretaría, suplindo a “inacción” do Estado, que ten a práctica totalidade das competencias en materia de retorno, é dicir, que ten a obriga xurídica de facelo e sen embargo non está actuando.