O PP de Ramirás rompe o pacto co PSOE e pasa á oposición

O Partido Popular de Ramirás vén de anunciar a ruptura do pacto de goberno alcanzado co PSOE tralas eleccións municipais de 2023, polo que ambas formacións acordaron senllos períodos de dous anos á fronte da alcaldía.
Os populares, explica o seu portavoz, Juan Carlos Rodríguez Matías, tiñan que presidir a Corporación municipal desde xuño. Porén, sinalan, “xa transcorreron máis de cinco meses e non vemos predisposición por parte da alcaldesa e só continuas escusas para evitar o relevo”.
En consecuenciao PP de Ramirás pasará agora a exercer como oposición. “Votaremos a favor, en contra ou absterémonos en función do que sexa mellor para a veciñanza e o concello”, di o voceiro.
Nas eleccións locais de maio de 2023 rexistrouse un triplo empate entre PP, PSOE e BNG, obtendo cada formación tres concelleiros. Tras quedar descartado un pacto entre PSOE e BNG, socialistas e populares chegaron a un acordo baseado fundamentalmente no relevo na alcaldía aos dous anos de mandato, ademais de incluír a dous concelleiros do PP na Comisión de Goberno.
“Sempre estivemos abertos a falar con socialistas e nacionalistas, aínda que as negociacións non foron doadas”, sinala Juan Carlos Rodríguez, que lembra que a socialista Isabel Gil comezou a primeira quenda, “xa que ao estar gobernando nos catro anos anteriores podería así rematar algúns proxectos que tiña en marcha, como o centro de día”, explicou o portavoz do PP.
Así, o 30 de xuño comezaron os contactos para iniciar o relevo, tal e como estaba fixado, “pero desde entón só seguimos escoitando máis escusas sobre a apertura do centro para maiores”, sinala o popular. En setembro, o grupo municipal do PP esixiu que se convocara o pleno para dar conta do cese de Isabel Gil á fronte da alcaldía, iniciando así o relevo. “Dábanos igual quince días arriba ou abaixo, pero o escrito de convocatoria non chegou”. Unha situación que, “unida á ausencia de reunións da Comisión de Goberno”, levou finalmente aos populares de Ramirás a romper o pacto de goberno cos socialistas e iniciar unha nova etapa na oposición.