O PP denuncia o abandono dos espazos públicos termais de Ourense

OurenseXa
“Se as zonas termais están nun estado lamentable é pola falta de vontade do alcalde", denuncian os populares
termas-ourense
Termas de Ourense, imaxe da Asociación Amigos das Termas
24 Maio 2024

O Grupo Municipal Popular denuncia o estado actual dos espazos termais de Ourense despois de visitar todas as instalacións e comprobar "que están totalmente descoidadas e abandonadas."

“En todas as termas o céspede está sen cortar, as árbores sen podar, as sinalizacións cheas de pintadas, as estradas de acceso cheas de fochancas, os vestiarios están pechados e os baños teñen un estado de sucidade deplorable”, critica a edil Ana Méndez, quen engade que “tampouco hai unha soa cafetería operativa en toda a zona termal”.

Unha situación que tamén denuncian e reclaman os usuarios habituais cos que a popular conversou durante a súa visita. Ademais, a concelleira pon de manifesto que só está aberto ao público un 10% de todo o espazo termal, concretamente, explica, “está en funcionamento a Burga de Canedo, pero nin sequera ten todos os seus vasos cheos”. “Esa é a imaxe que se levan os turistas do termalismo e da nosa cidade, unha imaxe que reflicte o pasotismo do alcalde”, lamenta.

O Partido Popular lembra que os datos da chegada de turistas a Ourense continúan á alza dende que chegou o AVE e que o termalismo é unha das maiores potencias turísticas da cidade. Neste senso, a popular asegura que “é inaudito que no mes de maio houbese dúas pontes festivas e que o alcalde non se dignase a facer o mantemento oportuno, e continúe sen facelo”.

Na mesma liña, a concelleira pide ao alcalde e ao seu grupo de goberno “que deixen de anunciar ocorrencias populistas como a do parque acuático termal e que se poñan a traballar de verdade, sen improvisacións”. “Se as zonas termais están nun estado lamentable é pola falta de vontade do alcalde, só cabe lembrar que perdeu xa case 400.000 euros en subvencións para poder abrir e reparar todas as termas de Ourense e a ver se non perde outros 300.000 que lle quedan por solicitar ata finais de ano”, conclúe Ana Méndez.

0.21859097480774