O PP pide mellorar as comunicacións entre Ourense e Lugo

OurenseXa
Os populares piden que se rematen á maior brevidade posible as obras do corredor ferroviario Lugo-Ourense, así como as obras na N-540
Grupo Provincial Popular de Ourense
Grupo provincial do PP en Ourense
14 Oct 2024

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular en Ourense, Patricia Torres, presentou hoxe, xunto aos deputados provinciais Manuel Seoane, Jorge Pumar e José María Lago, unha moción que levarán ao vindeiro Pleno do mes de outubro, para instar ao Goberno de España a mellorar as comunicacións entre Ourense e Lugo por estrada ou ferrocarril.

Os populares piden “acabar coa discriminación que sufrimos os das provincias de Ourense e Lugo” en canto ás vías de comunicación entre ambas, xa sexa por estrada ou ferrocarril, dixo Manuel Seoane.

Para elo, propoñen que se acelere e se remate á maior brevidade posible as obras do corredor ferroviario Lugo-Ourense e así evitar o trastorno que lle supón aos usuarios facer parte do traxecto en autobús, coas limitacións que isto implica.
Manuel Seoane lembrou que ADIF previra a reapertura da circulación entre Ourense e Monforte de Lemos para o 1 de outubro e que volve a ter retrasos. Neste sentido, o deputado provincial dixo que son conscientes das “dificultades” de traballar neste complexo tramo ferroviario entre Ourense-Os Peares-Monforte, que poden provocar desviacións nos prazos comprometidos, pero non tantos incumprimentos repetitivos, máxime cando a circulación ferroviaria está suspendida.

Por outra banda, esta moción tamén insta ao Goberno de España a mellorar as comunicacións entre ambas provincias por estrada, polo que solicitan que se acelere a execución das obras na N-540 e que sexan declaradas de urxencia para acurtar os prazos de execución, dado o “lamentable” estado no que se atopa.

0.1750659942627