O PP ponse do lado de Jácome e chega a un acordo para aprobar o Orzamento do Concello de Ourense

OurenseXa
A decisión dos populares, denuncian desde o PSOE, “constata o bipartito” entre o PP e Democracia Ourensana
pp-de-ourense.jpg
11 Jul 2025

O PP de Ourense retirará todas as súas emendas tras chegar a un acordo co goberno de Gonzalo Pérez Jácome para aprobar os Orzamentos. Unha decisión que foi defendida esta mesma mañá polo presidente da Xunta de Galicia. Os populares explican que a decisión está motivada por terse aceptado as súas propostas en materia de servizos sociais, asociacións veciñais, medio ambiente, infraestruturas, educación e perímetro rural.

“Non son os nosos orzamentos, pero conseguimos atender necesidades básicas da veciñanza”, asegurou a voceira popular Ana Méndez Gil.

Para o grupo socialista no Concello, “o respaldo do PP aos orzamentos de Gonzalo Pérez Jácome non é unha sorpresa para nós. Levamos meses denunciando que este pacto xa tiña as cartas marcadas hai tempo. O que non deixa de sorprendernos é que o Partido Popular leve a cabo este acto de hipocrisía política, enganando á veciñanza para vender fume, a costa dos cartos de todas e todos”.

Neste sentido, a voceira socialista, Natalia González, incide en que “o pacto PP-DO continúa deixando fóra do horizonte asuntos urxentes e clave para a cidadanía e o futuro de Ourense, como son a vivenda, a igualdade, o termalismo e moitas outras materias que non se recollen neses orzamentos”.

“A nós estes orzamentos continúan sen valernos”, explica contundente a tamén secretaria xeral do partido na cidade. Desde o grupo municipal socialista insisten na necesidade de que se acepten as propostas presentadas en forma de emendas “que si mellorarían o orzamento para 2025 e suporían un cambio significativo para os intereses reais das persoas”.

“Lamentamos que o PP sexa útil, unicamente, para apuntalar a Gonzalo Pérez Jácome ata final de mandato e que siga a simular o estraño caso do doutor Jekyll e míster Hyde, mentres por un lado apoia ao alcalde e despois é quen de criticalo cando as promesas que afirma conseguir non se executan”, remata González.

⚙ Configurar cookies
0.1688768863678