O PPdeG homenaxea a Miguel Ángel Blanco na Merca

O PPdeG rendeu este xoves o xa tradicional homenaxe a Miguel Ángel Blanco con motivo do noveno aniversario do seu nomeamento como presidente honorífico das Novas Xeracións, nun acto celebrado no Monumento á Liberdade, no municipio ourensán da Merca, lugar de orixe do concelleiro asasinado por ETA en 1997.
Durante o acto, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, destacou a figura de Blanco como “exemplo moral e de coraxe democrática” para a mocidade e criticou ás formacións que “non condenan a historia recente de España”. “Nós, no Partido Popular, temos a conciencia tranquila: estamos onde temos que estar. O que non entendemos é como hai partidos que non condenan os asasinatos de ETA e pretenden lexitimar a súa existencia”, afirmou, acusando ao BNG de facer un “uso partidista” da memoria histórica.
No acto participaron tamén a presidenta das Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, o alcalde da Merca, José Manuel Garrido, e a secretaria xeral do PP na provincia de Ourense, Sandra Quintas.
Grueira puxo o foco no papel da mocidade, reivindicando o compromiso das novas xeracións cos valores democráticos. “Somos unha xeración que colle o relevo de Blanco con orgullo, con responsabilidade e convicción”, sinalou, lembrando que o terrorismo de ETA deixou máis de 853 vítimas mortais e unha pegada “imborrable” na sociedade. Neste sentido, definiu a Miguel Ángel Blanco como un “símbolo da defensa da liberdade, da democracia e da dignidade fronte á barbarie”.
A dirixente xuvenil subliñou que o aniversario do seu nomeamento “non é só unha data”, senón tamén unha chamada a manter vivo o seu legado. “É unha responsabilidade manter vivo o seu legado político e humano, e lembrar que hai cousas que nunca poden volver ocorrer”, afirmou. Así mesmo, destacou que Blanco representou a unha xeración que “non cedeu ao medo” nun contexto no que participar en política supuña “xogar a vida”.
Pola súa banda, o alcalde da Merca reivindicou os vínculos do edil co municipio, onde repousan os seus restos. “Aquí naceu, aquí tiña a súa familia, de aquí era a súa esencia… E aquí é onde seguimos lembrando e honrando o seu legado”, apuntou Garrido, quen o definiu como “un símbolo de defensa da liberdade e de loita contra a violencia”. O rexedor lembrou ademais que o seu asasinato “marcou un antes e un despois na historia de España e na loita da democracia contra o terrorismo”.
O homenaxe incluíu unha ofrenda floral no cemiterio de Faramontaos, onde está soterrado Miguel Ángel Blanco, tras o acto institucional celebrado no Monumento á Liberdade.