O prazo de presentación das propostas para o XXXIV Premio Xosé Aurelio Carracedo estárá aberto ata o 31 de marzo

OurenseXa
O premio ao mellor traballo está dotado con 4.000 euros e o accésit ao segundo traballo mellor valorado con 1.000
Xurado do Premio Xosé Aurelio Carracedo
Xurado do Premio Xose Aurelio Caracedo 2024
25 Mar 2025

O XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, na súa edición de 2025, mantén abertas as súas inscricións ata o próximo 31 de marzo, trala publicación das bases dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do pasado 14 de marzo.

As propostas dirixiranse ao Gabinete de Comunicación da Deputación, conforme aos modelos anexos ás bases e dispoñibles na sección “Premios” da web da Deputación.
As solicitudes poden presentarse de xeito presencial ou telemático. A Deputación habilita o teléfono 988 317 591, no que poderán realizarse as consultas necesarias.

O regulamento do certame inclúe un “Premio Honorífico á traxectoria profesional”, con diploma acreditativo en recoñecemento ao labor xornalístico desenvolvido pola persoa gañadora. No fallo serán tidos en conta especialmente os vencellos persoais ou profesionais con Galicia, de modo particular coa provincia de Ourense. As candidaturas poderán ser presentadas polos membros do xurado e por institucións, asociacións ou colectivos de calquera ámbito (económico, social, cultural ou deportivo, etc.).

As candidaturas a presentar corresponderanse con persoas profesionais ou colaboradoras habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera medio galego ou edición galega dun medio estatal.

A outra categoría é a do “Premio ao mellor traballo xornalístico”, cunha dotación económica de 4.000 euros e diploma acreditativo, á persoa autora ou persoas autoras dun traballo en calquera soporte (papel, radio, televisión, fotografía, dixital) e modalidade (reportaxe, crónica, artigos...), cuxa temática estea relacionada con Galicia e de modo particular coa provincia de Ourense.

Outras das novidades deste ano será o “Accésit ao segundo traballo mellor valorado”, cunha dotación de 1.000 euros e diploma acreditativo, á persoa autora ou persoas autoras dun traballo en calquera soporte (papel, radio, televisión, fotografía, dixital) e modalidade (reportaxe, crónica, artigos...), cuxa temática estea relacionada con Galicia e de modo particular coa provincia de Ourense. Valorarase de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.

⚙ Configurar cookies
0.052464008331299