O Premio Xosé Aurelio Carracedo premiará con 3.000 euros aos mellores estudantes de xornalismo
O próximo día 4 de outubro rematará o prazo para a presentación de solicitudes á bolsa de 3.000 euros para estudantes ourensáns de Xornalismo que convova o Premio Xosé Aurelio Carracedo na súa XXXIII edición.
A bolsa de axuda aos estudos será concedida ao mellor expediente académico que presenten aquelas alumnas ou alumnos ourensáns que cursaran o primeiro ano do grao en Xornalismo no sistema público universitario español, correspondente ao ano académico 2022-2023.
As candidaturas a esta bolsa poderán presentarse de forma presencial ou a través do rexistro electrónico da Deputación, tal e como sinalan as bases que poden consultarse no BOP nº 171, de 4 de setembro e que tamén están dispoñibles na web da Deputación.
Esta é unha das dúas modalidades que presenta este renovado galardón, que ademais recoñecerá a traxectoria profesional dun xornalista, tendo en conta para o fallo os seus vencellos persoais ou profesionais con Galicia, especialmente coa provincia de Ourense.
Para esta modalidade, cunha dotación económica de 4.500 euros, os integrantes do xurado poderán presentar ata tres candidaturas por cada un dos membros, propostas que se referirán a profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais.
Institucións, asociacións ou colectivos de calquera ámbito (económico, social, cultural ou deportivo, etc.), poderán tamén presentar as súas candidatura, nesta ocasión unha por entidade.
O xurado estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense, ou persoa en quen delegue, e actuarán como vogais un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; un representante da Federación de Asociacións de Periodistas (FAPE); un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo.
O Premio Xosé Aurelio Carracedo de Xornalismo, que organiza a Deputación de Ourense, foi instaurado como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, en defensa dun xornalismo de calidade.