Medio cento de persoas comezaron o programa provincial da Vía da Prata por etapas

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, puxo en marcha unha nova edición do programa provincial da Vía da Prata por etapas, unha iniciativa que permite percorrer o Camiño Mozárabe e coñecer os atractivos turísticos da provincia. Preto de medio cento de persoas participaron xa na primeira etapa, entre Ourense e Cea, que incluíu unha visita ao mosteiro de Oseira. O programa prolongarase ata o 19 de outubro, cando os peregrinos chegarán a Santiago de Compostela desde Susana.
Na saída da primeira xornada estivo presente o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, quen destacou que con esta actividade a institución provincial busca “seguir dando a coñecer este itinerario xacobeo, eixo vertebrador do territorio ourensán ao atravesar preto dun terzo dos municipios da provincia, entre a propia poboación local e os posibles usuarios procedentes doutros territorios interesados por este itinerario”.
O programa inclúe guía e autobús, e ofrece a posibilidade de realizar a inscrición completa en todas as etapas ou apuntarse só a tramos concretos. Ao longo do percorrido, os participantes descubrirán aspectos da etnografía, da cultura popular e do patrimonio dos concellos polos que transcorre esta ruta xacobea.
As inscricións poden realizarse a través da web www.conocegalicia.es
ou no teléfono 988 25 33 59. O prezo é de 49 euros para o percorrido completo ou 15 euros por etapa solta, en ambos casos con guía oficial e transporte en autobús incluídos.