O programa MúsiCA(c)TIVA posto en marcha pola UVigo achegou a música ás escolas rurais da provincia de Ourense

OurenseXa
As actividades foron levadas a cabo en escolas infantís da rede Galiña Azul en Pereiro de Aguiar, Coles e Toén
proyecto-musica-escuelas-uvigo
Cedida
29 Dec 2024

Estudantes de terceiro curso do Grao en Educación Infantil da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense levaron a cabo neste cuadrimestre o proxecto MúsiCA(c)TIVA, unha iniciativa que achegou a música ás escolas rurais da provincia. O proxecto, recoñecido pola convocatoria de aprendizaxe-servizo da Universidade de Vigo, xurdiu da colaboración entre as materias de Expresión Musical e a súa Didáctica, impartida por Lucía Casal, e Didáctica da Expresión Plástica e Visual, a cargo de Javier Blanco e Sara Fuentes.

Baixo a supervisión deste profesorado, o alumnado creou instrumentos e obxectos sonoros a partir de materiais reutilizados e deseñou sesións didácticas centradas na estimulación musical para nenos de 0 a 3 anos. Estas actividades foron implementadas en escolas infantís da rede Galiña Azul en Pereiro de Aguiar, Coles e Toén, deixando como doazón os recursos creados tras as sesións.

O proxecto permitiu aos estudantes poñer en práctica as súas propostas nun contexto real, explorando sons, xogando con ritmos e interactuando cos nenos e coas súas contornas. Desde a organización destacaron o impacto positivo destas actividades, que non son habituais nas escolas rurais, subliñando a importancia da estimulación musical temperá no desenvolvemento integral infantil.

Dado o éxito desta edición, espérase fortalecer a colaboración entre a universidade e as escolas rurais para dar continuidade a este tipo de iniciativas nos próximos anos. Este proxecto afonda nun traballo iniciado en cursos anteriores, consolidando o compromiso da UVigo coa innovación educativa e o apoio ás comunidades rurais.

0.18184208869934