O programa Rexurbe permitirá a rehabilitación de 8 inmobles no casco histórico de Ourense
A Xunta rehabilitará a través do programa Rexurbe 8 inmobles no casco histórico de Ourense, acadando 17 vivendas e 3 locais comerciais, que suporán un investimento de máis de 5 millións de euros.
Así o manifestou hoxe o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia.
Explicou que a Xunta incluíu no programa Rexurbe dous inmobles, propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo, emprazados nos números 1 e 3-5 da rúa do Vilar. Ademais, o Gobenro galego adquiriu os inmobles emprazados na rúa Pelayo 9, Manuel Sueiro 3, Liberdade 28, Cervantes 29, e Colón 8 e 16, investindo un total de 886.003,44 euros.
Detallou que os inmobles situados na rúa do Vilar 1 e 3-5 xa foron rehabilitados e as cinco vivendas resultantes entregadas aos adxudicatarios, sumando un orzamento total de preto de 900.000 euros.
Sinalou que a Xunta licitará de novo as obras de rehabilitación dos inmobles da praza Manuel Sueiro e rúa Liberdade, nos que se obterán 5 vivendas, xa que se licitaran en decembro de 2023 por preto de 1.050.000 euros, pero o proceso quedou deserto.
Adiantou que tamén se van licitar a obra do inmoble de Pelaio 9, da que vai resultar unha vivenda; e a redacción dos proxectos dos números 8 e 16 da rúa Colón, para acadar 6 vivendas.
Indicou que para o caso do inmoble da rúa Cervantes 29, ao tratarse dunha casa pequena, a Xunta está traballando para adquirir outros inmobles na mesma rúa co obxectivo de realizar unha actuación conxunta.
Recordou que ademais destas actuacións directas, a Xunta tamén impulsa a rehabilitación das vivendas polos seus propietarios. Así, no ano 2023 asignáronse a Ourense 2M€ ao amparo do programa de recuperación de Entornos Residenciais de Rehabilitación Programada para os ámbitos do Casco Histórico, Seixalbo, Polvorín, Camelias e Carballeira e os barrios de San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada.
Ademais, Ourense aínda dispón de fondos asignados ao abeiro do programa de Áreas de Rehabilitación Integral. A ARI do Conxunto Histórico ten tres convenios en execución, dotados cun total de 854.925 euros, 2,3 millións de euros a nivel global.
Área Rexurbe
Apuntou que o Concello de Ourense vén de solicitar en abril a declaración de Área Rexurbe do Conxunto histórico de Ourense, unha reclamación que a Xunta viña facendo dende hai anos, xa que esta figura permitirá adoptar medidas coordinadas entre as diferentes administracións para conseguir unha recuperación da zona histórica.
Non obstante, remarcou que é necesario que o Concello elabore un plan de dinamización no que se deben concretar as medidas, con prazos e propostas de financiamento asignado por cada administración ou entidade que asume a súa execución.
A Xunta agarda que ao longo deste ano poida quedar declarada a Área Rexurbe, constituíndo un centro para facilitar e executar as actuacións recollidas na estratexia e impulsar a participación dos veciños.
O director concluíu facendo fincapé na aposta da Xunta pola rehabilitación no conxunto histórico de Ourense, tanto con investimentos directos e actuacións propias como con axudas á rehabilitación executadas polos particulares.