O proxecto de conservación da estrada OU-413 estará listo a principios de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse está mañá á sede da Asociación de Veciños de Vistahermosa para anunciarlle a inminente redacción do proxecto de conservación da estrada OU-413 no treito da subida ao Seminario.
O delegado territorial escoitou as demandas e as suxestión dos veciños para incorporalas ao proxecto e informoulles que nos vindeiros días principiarán xa os traballos de topografía.
Precisou Manuel Pardo que esta intervención encádrase no conxunto de actuacións que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten previsto desenvolver en Ourense para a conservación das travesías autonómicas no núcleo urbano de Ourense, que conta cun investimento estimado de máis de 2 millóns de euros.
Deste xeito, definiranse as actuacións de conservación que se precisen nestas vías, tanto nas beirarrúas como do firme da calzada, que poden ser complementadas con pequenas melloras na drenaxe, na sinalización e no balizamento; coas que se consiga unha mellora da vía onde se garantan as condicións mínimas de seguridade viaria na circulación.
O obxectivo da Xunta de Galicia é contar co proxecto a principios de 2025, para a súa licitación no propio ano 2025.
Esta actuación sumarase a outras actuacións de conservación levadas a cabo pola Xunta de Galicia nos últimos anos, como as executadas en treitos da rúa Progreso e Avenida de Zamora neste 2024 ou na rúa da Granxa en 2023.
Cómpre destacar, tamén, as obras de maior intensidade como as executadas en Marcelo Macías (OU-540), en Otero Pedrayo (OU-536) e en Seixalbo (OU-105), nas que se mellorou a accesibilidade e a seguridade. Tamén subliñar os 5,4 quilómetros de sendas materializados en ámbitos como Ponte Sevilla (OU-105), Avenida de Ponferrada, Rabaza (OU-536), Montealegre (OU-101) e Valdorregueiro (OU-150).