O PSdeG acada o acordo do Pleno para poñer en marcha un Plan de Vivenda Pública en Ourense

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense vén de acadar o respaldo, no pleno ordinario de xuño, para a aprobación da súa iniciativa para poñer en marcha políticas públicas de vivenda e rehabilitar o Casco Histórico. Entre as propostas recollidas na moción está a de instar ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a garantir a adhesión ao Plan Rexurbe e o seu desenvolvemento acompañado da creación dunha comisión de seguimento, informes periódicos sobre a execución dos fondos destinados a recuperar esta zona da cidade.
“Non vimos a falar de cifras frías nin de plans que non pasan do papel. Vimos a falar dunha realidade que doe: en Ourense ter unha vivenda digna converteuse nun luxo que moitos non poden permitirse”, comezou explicando a edil do PSdeG Alba Iglesias para defender un texto con varias propostas que foi elaborado e traballado conxuntamente coas Xuventudes Socialistas. “E o peor é que non é por falta de vivendas. É que están pechadas, baleiras. E o Casco Histórico é só a punta do iceberg. Máis do 60% dos inmobles se atopan en estado ruinoso ou nun avanzado estado de deterioro”, informou sobre a realidade da cidade.
Outras das propostas incluídas no texto rexistrado son a de instar ao executivo municipal á reserva de solo para a dinamización de proxectos de promoción da vivenda colaborativa e cooperativa ou poñer en marcha incentivos e bonificacións fiscais en materia de rehabilitación e alugueiro para mobilizar vivenda e convertela en accesible. “Pedimos que se poñan en marcha políticas que pensen en todos os segmentos da poboación, dende os mozos que queren emanciparse ata as e os maiores que viven sos en pisos mal acondicionados. Dende familias con rendas baixas ata persoas que non conseguen un alugueiro digno”, expuxo a socialista durante a súa intervención.
Así as cousas, sinalou que a moción tamén inclúe instar á creación dun plan municipal de vivenda xuvenil e alugueiro público, que conte co apoio técnico e orzamentario, suficiente. “A día de hoxe temos a oferta de alugueiro en mínimos históricos. Hai demanda, hai necesidade e hai angustia. Pero non hai nin vivendas dispoñibles nin medidas que funcionen”, incidiu convidando ao goberno actual a actuar dentro das súas competencias.