O PSdeG critica a “falta de transparencia e planificación” do executivo de Jácome na implantación dos novos radares

O grupo municipal socialista de Ourense expresou hoxe a súa preocupación pola forma na que o goberno local está a implantar o sistema de radares e cámaras de control de acceso ao Casco Histórico. A través dun informe solicitado á Policía Local, as socialistas sinalan que a actuación evidencia unha “falta de planificación, transparencia e participación cidadá”.
Segundo o PSdeG, o documento non ofrece estudos de mobilidade nin informes técnicos que avalen a instalación dos dispositivos, limitándose a referencias xerais ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e ao proxecto da empresa adxudicataria, sen facilitar documentación que permita á oposición ou á cidadanía supervisar o proceso. “Non se poden tomar decisións que afectan á vida diaria da veciñanza sen base técnica nin diálogo previo”, advertiu a voceira do grupo, Natalia González Benéitez.
O informe, explican, tamén indica que o sistema aínda se atopa en fase de probas e que o plan de comunicación coa veciñanza está en elaboración, a pesar de que xa se están a emitir avisos de posibles sancións. Un feito que, segundo a voceira socialista, podería xerar confusión entre os veciños e comerciantes e dificultar o cumprimento das normas.
Ante esta situación, o PSdeG reclama ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome que faga pública toda a documentación técnica e que suspenda temporalmente as sancións ata que o sistema estea completamente operativo e acompañado dunha campaña informativa.