O PSdeG critica a xestión das políticas conciliación durante Semana Santa por parte do executivo de Pérez Jácome

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense denuncia a xestión das políticas de conciliación durante a recente Semana Santa e reclama explicacións ao goberno local liderado por Gonzalo Pérez Jácome.
As edís do PSdeG consideran que o acontecido non é un caso illado, senón un exemplo máis do que describen como un abandono progresivo dos servizos públicos de apoio á conciliación. Segundo sinalan, a programación resultou “insuficiente, con menos prazas das necesarias e sen garantir unha cobertura equilibrada”, o que deixou a varias familias sen alternativas axeitadas.
A formación socialista tamén critica a limitada difusión da oferta de actividades, o que, ao seu xuízo, dificultou que moitas persoas puidesen organizarse con antelación durante o período non lectivo. “O que estamos vendo é o resultado de anos de falta de aposta pola conciliación, con menos recursos, menos prazas e menos servizos”, apuntan.
Neste contexto, o PSdeG tamén pon o foco no que considera un deterioro da rede de centros cívicos municipais, que entende como unha ferramenta clave para facilitar a conciliación, pero que, segundo denuncian, foi perdendo capacidade e actividade co paso do tempo.
Ante esta situación, o grupo municipal socialista rexistrou unha solicitude de información para coñecer con detalle o desenvolvemento do programa de Semana Santa. Entre outros aspectos, piden datos sobre o número de prazas ofertadas e cubertas, as zonas onde non se chegou a prestar o servizo, os motivos, así como o orzamento, os recursos empregados e as accións de difusión levadas a cabo.