O PSdeG dará luz verde a habilitar o crédito para dar continuidade ás obras da Praza de Abastos nº1 de Ourense
O PSdeG apoiará a operación económica proposta polo Goberno Municipal e o Executivo Autonómico para habilitar o crédito para dar continuidade ás obras da Praza de Abastos número 1 de Ourense.
Logo da Xunta de Voceiros celebrada esta mañá, os socialistas aseguraban que consideran “unha prioridade dar continuidade ás obras da Praza de Abastos número 1, tralo remate das intervencións de rehabilitación integral do edificio e a urbanización da súa contorna, executando as obras de adaptación dos postos para o traslado dos praceiros dende as instalacións provisionais nas que se atopan”.
“Estamos ante unha das máis importantes e ambiciosas intervencións urbanísticas da historia da nosa cidade e non nos podemos permitir máis retrasos na que pode ser, no futuro, a mellor Praza de Abastos de Galicia e unha das mellores de España”, sinalan.
Dende o grupo municipal consideran que as obras de resituación dos postos no edificio rehabilitado deben ser cofinanciadas como se propón por parte do Concello de Ourense e a Xunta de Galicia, correspondéndolle ao primeiro dous tercios do investimento necesario e ao segundo, un tercio do mesmo. "Cremos que, neste caso concreto e motivado pola inseguridade xurídica do contrato asinado en 2018 entre a Administración local e a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos, estes gastos non deben ser asumidos polos comerciantes xa que poderían derivar noutra paralización das obras", explican.
Antes do verán o grupo parlamentario do PSdeG, da man do municipal socialista, presentaba varias iniciativas solicitando ao executivo autonómico non só a mínima financiación da redacción do plan funcional, senón tamén un compromiso orzamentario maior para a continuidade das obras. Todas foron rexeitadas entón polo goberno do PP que agora rectifica e se ofrece finalmente a cofinanciar as obras da futura distribución dos postos. "Esixiremos, novamente, concreción e ampliación da aportación económica da Xunta de Galicia no Parlamento", aseguran.
Con todo, explican que apoirán a operación económica proposta e consensuada polo goberno municipal e o executivo autonómico para habilitar o crédito necesario na parte correspondente ao Concello de Ourense, “dando continuidade a esa seguinte fase das obras e en base a un plan funcional consensuado polas tres partes”.
Neste senso, instan á Xunta de Galicia a convocar, unha vez recepcionadas as obras de urbanización da Praza de Abastos número 1 a próxima semana, a nova comisión de seguimento creada –na que están presentes o goberno municipal, a propia Xunta de Galicia e os representantes dos praceiros– co fin de, unha vez recibido o plan funcional encargado pola Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos e financiado pola Xunta, e informado e valorado o mesmo polos técnicos municipais e responsables da obra, se proceda a consensuar un Plan Funcional Definitivo no que se inclúan todos os costes necesarios para a execución dos postos e a continuidade das obras. Todo elo, esixindo ademais “a imprescindible participación externa de profesionais que garantan a xustificación técnica, a necesidade e a viabilidade das obras e/ou actuacións propostas”.
Lembram, así mesmo, “que a comisión municipal de seguemento das obras, onde tiñamos representación todos os grupos municipais, non foi convocada nin se nos deu participación da mesma nos últimos anos por parte do actual executivo local. Recentemente foi creada outra pola Xunta de Galicia da que forman parte únicamente o Concello, a Xunta e os praceiros”.
“Sendo este o único órgano activo na actualidade para a toma de decisións, instamos ás 3 partes implicadas a consensuar o plan funcional definitivo, a pechar un acordo que recolla os compromisos económicos para a súa execución e a coordinarse para poder continuar coa seguintes fase das obra”, sentencian.
Por último, aseguran que “o grupo municipal socialista apostará e defenderá sempre este proxecto estratéxico que nós puxemos en marcha dende o goberno, entre 2007 e 2012, ademais de estar a disposición de todas as partes implicadas para colaborar ou apoiar en todo aquelo que supoña darlle continuidade e poder abrila ao público o máis pronto posible”.