O PSdeG de Barbadás denuncia que as declaracións do alcalde sobre unha multa por incumprimentos contra o SAF son “falsas”

OurenseXa
As socialistas explican que o que se aprobou foi “unha moción para que o SAF funcione correctamente” e non “unha multa por incumprimentos”
concelleiras-psoe-barbadas
16 Jan 2026

O PSdeG-PSOE de Barbadás saíu ao paso das declaracións do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, tras o último pleno municipal, para aclarar que o aprobado non foi “unha multa por incumprimentos”, como afirmou o rexedor nos medios, senón “unha moción para que o SAF funcione correctamente”.

As concelleiras socialistas subliñan que “as declaracións do alcalde aos medios son rotundamente falsas” e explican que “o que se aprobou foi unha moción socialista para recuperar o servizo de axuda no fogar, non unha multa, xa que iso xa se fixo pola vía administrativa fóra do plenario”.

Na sesión plenaria do pasado 12 de xaneiro, o grupo municipal socialista presentou unha moción para solicitar medidas urxentes que garantan que as persoas usuarias do servizo de axuda no fogar, xestionado externamente, reciban unha atención axeitada. A moción foi aprobada co apoio amplo do PSdeG-PSOE, BNG e Partido Popular.

Dende o PSdeG-PSOE insisten en que o Concello “debe rescindir de maneira inmediata o contrato coa empresa actual e buscar solucións para unha correcta atención ás persoas usuarias”. Reconocen que existe unha segunda empresa externalizada que cobre algunhas carencias, pero remarcan que “isto non é unha solución efectiva”.

A voceira socialista, Victoria Morenza, reclama ao goberno local que “adopte todas as actuacións necesarias para que ningunha persoa usuaria quede sen servizo e se eviten situacións de desatención e vulnerabilidade”. Ademais, insta ao alcalde e aos seus concelleiros a “tomar decisións de gobernanza con outras administracións para evitar que estes incumprimentos se sigan repetindo”.

O PSdeG-PSOE lembra que “no seu momento tivemos que pagar horas extras ás traballadoras, xa que a empresa nos deixou tirados, e a segunda empresa contratada tampouco puido resolver os problemas”. Destacan que a concelleira responsable “buscou todo tipo de solucións, chegando incluso a que as traballadoras municipais asumiran tarefas do SAF, aínda que o alcalde e o concelleiro Morgade inicialmente se negaban a pagar esas horas extras; tras moita insistencia, finalmente conseguiuse, a pesar dos impedimentos do rexedor e do concelleiro”.

A moción contou ademais cunha emenda do BNG que propuña instar ao equipo de goberno a asumir directamente a xestión do SAF, “garantindo que este servizo esencial se xestione íntegramente desde o ámbito público municipal, como compromiso coa calidade, a estabilidade laboral e a defensa dos servizos públicos”. Esta emenda foi aprobada xunto coa moción.

Dende o PSdeG-PSOE de Barbadás reiteran o seu compromiso por mellorar e asegurar un servizo de axuda no fogar digno e eficaz para toda a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.079776048660278