O PSdeG de Barbadás propón un plan de pacificación do tráfico para mellorar a seguridade viaria

O Grupo Municipal Socialista de Barbadás presentará no pleno do 13 de abril unha moción na que solicita a elaboración e posta en marcha dun plan de pacificación do tráfico no municipio, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria en diferentes puntos do concello, especialmente nas zonas con maior presenza de peóns.
As socialistas defenden a necesidade de “adaptar os espazos públicos a unha mobilidade máis segura, sostible e accesible, en liña cos obxectivos marcados pola Axenda 2030”, e subliñan que no municipio “é habitual o tránsito de persoas entre núcleos de poboación e cara os diferentes servizos públicos como os centros educativos, instalacións deportivas ou espazos de lecer, o que fai imprescindible reforzar as medidas de protección para os peóns”.
Con esta moción, o PSdeG de Barbadás busca “dar unha resposta integral a unha demanda real da cidadanía”, apostando polos desprazamentos seguros, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como a infancia e as persoas maiores.
“Falamos de medidas realistas, moitas delas xa aplicadas con éxito noutros puntos do municipio, que poden executarse de forma progresiva se existe vontade política”, defende a voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, que engade que “a pacificación do tráfico non só mellora a seguridade viaria, senón que contribúe a crear contornas máis habitables, con menos ruído, menos contaminación e maior calidade de vida para a nosa veciñanza”.
A moción recolle unha batería de propostas concretas, entre as que destacan o incremento da sinalización vertical e horizontal con límites de velocidade de 30 km/h, a renovación de sinalética obsoleta e o pintado de indicacións na calzada para mellorar a visibilidade. Así mesmo, propoñen a instalación de pasos de peóns elevados e elementos redutores de velocidade en puntos considerados críticos, así como o uso de pintura chamativa para reforzar a atención das persoas condutoras.
Outro dos eixos do plan é a mellora da iluminación, especialmente en cruces transitados e pasos de peóns, dando continuidade a iniciativas xa implantadas en zonas como A Valenzá. Tamén se propón actuar en espazos especialmente sensibles como o entorno do campo de fútbol dos Carrís, onde se concentra un elevado número de nenos e mozos. Ademais, a moción contempla a reorganización do tráfico mediante a habilitación de rúas de sentido único en zonas conflitivas, así como a atención ás demandas veciñais relacionadas coa sinalización en cruces perigosos.
Desde o Grupo Municipal Socialista confían en acadar o respaldo do pleno, ao tratarse, din, dunha iniciativa centrada no interese xeral e na mellora do benestar da cidadanía de Barbadás.