O PSdeG de Ourense denuncia a falta de mantemento das infraestruturas urbanas por parte do executivo de Pérez Jácome

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense denuncia que os intensos episodios de choivas rexistrados durante as pasadas semanas deixaron en evidencia a “falta de mantemento das infraestruturas urbanas” e “a ausencia dun plan municipal de prevención” por parte do executivo de Gonzalo Pérez Jácome, salientando exemplos como como a rúa Pena Trevinca, a rúa da Petanca, a subida a Vistahermosa vella ou a rúa Castella Ferrer, que se atopan pechadas ao tráfico.
Ante esta situación, critican que “o Goberno municipal segue improvisando fronte ás emerxencias mentres os ourensáns e as ourensás asumen o risco” e advirten que “o Concello de Ourense continúa a ser gobernado desde a improvisación, sen planificación nin medidas preventivas eficaces fronte a situacións que afectan directamente á seguridade e á vida diaria da cidadanía”.
As choivas dos últimos días deixaron “sumidoiros colapsados, vías anegadas e barrios expostos”, unha situación que, segundo as socialistas, “repítense cada vez que hai un temporal, trasladando á veciñanza unha sensación constante de incerteza”.
A esta situación, advirten, engádese un “problema grave e recorrente”, como a aparición de fochancas en distintos puntos da cidade, algúns deles sen arranxo definitivo durante semanas ou meses. Estes buratos, que para o PSdeG son consecuencia directa do deterioro do firme e da falta de mantemento, supoñen un risco real para vehículos e peóns e son “un síntoma claro da deixadez na conservación do espazo público e que converten o tráfico de Ourense nun auténtico drama diario, con cambios constantes de circulación, obras mal coordinadas e ausencia dunha planificación global da mobilidade”. A cidadanía, denuncian, “enfróntase a atascos habituais, perdas de tempo e unha sensación xeral de desorde que afecta tanto á vida cotiá como á actividade económica da cidade”.
Desde o Grupo Municipal Socialista lembran que o “mantemento das infraestruturas urbanas, a planificación da mobilidade e a prevención de riscos son competencias municipais directas”, e afirman que “non se pode gobernar a base de parches, reaccións tardías e decisións improvisadas.
Por iso, solicitan ao Concello que poña en marcha mecanismos “innovadores e proactivos” de control e mantemento viario seguindo exemplos que funcionan noutras ciudades, como a sistematización do mapeo e detección automatizada de deterioro do firme mediante tecnoloxías como sensores e intelixencia artificial, que permiten actuar antes de que se produzan afundimentos; a creación dunha plataforma integrada de xestión do espazo público e do pavimento que permitan como xa se están facendo en Vitoria-Gasteiz; o inventario e monitoreo activo das condición do firme urbano con criterios técnicos homologados e uso de materiais e técnicas máis rápidos e sostibles para as reparación, así como un Plan integral de mobilidade que poña orde no tráfico da cidade. Ourense, din, “precisa planificación, mantemento e un goberno que chegue a tempo” fronte ás “escusas” e a “improvisación” do Goberno municipal.