O PSdeG de Ourense denuncia a retirada “improvisada” do orzamento do Consello Municipal de Deportes

OurenseXa
O documento, advirten as socialistas chegou sen informe de intervención, con erros nos cálculos recoñecidos polo propio goberno e sen expediente completo para o seu estudo, polo que foi rexeitado por todos os grupos
natalia-gonzalez
11 Mar 2026

O Consello Municipal de Deportes (CMD) do Concello de Ourense celebrou este martes unha sesión na que o Goberno Municipal presentou unha proposta de orzamento que, finalmente, decidiu retirar ao comprobar que non contaba co apoio de ningún dos grupos presentes.

A situación, denuncian dende o Grupo Municipal Socialista, é “especialmente grave” xa que o documento presentouse sen informe de intervención, un requisito que segundo lembra a voceira socialista, Nataliia González, é “esencial para garantir a legalidade e a viabilidade económica de calquera proposta orzamentaria no ámbito público”.

Ademais, dende o PSOE critican que o expediente remitido aos membros do Consello “non estaba completo, impedindo unha análise rigorosa da proposta”. “Durante a propia sesión, o goberno municipal recoñeceu tamén a existencia de erros nos cálculos do orzamento, o que evidencia a falta de rigor coa que se estaba tramitando un documento que debería marcar a planificación deportiva da cidade”, incide González.

Neste senso, lembran que o CMD sempre se caracterizou “por funcionar desde o consenso, coa participación dos grupos políticos e coa mirada posta no que realmente importa: o apoio aos clubs e ao tecido deportivo da cidade”. Por iso, para as socialistas “resulta difícil entender as présas actuais do goberno municipal, cando este orzamento debería estar aprobado desde o mes de outubro para permitir que clubs e entidades deportivas planifiquen a súa actividade con estabilidade”.

Ante a ausencia de apoios, o executivo decidiu retirar o punto da orde do día sen ofrecer, segundo as socialistas, “explicacións claras nin establecer un prazo real para o estudo ou a presentación de emendas, deixando a situación nunha especie de limbo administrativo”. De feito, sinalan, “a única consecuencia práctica parece ser dar un par de días de marxe ao Partido Popular para recompoñer a súa posición, mentres clubs e entidades deportivas seguen sen certezas”.

As socialistas recordan que os orzamentos dun organismo público non poden tramitarse “con improvisación” nin como “unha operación de última hora”, e moito menos, insisten, “cando afectan á planificación das políticas deportivas da cidade”.

0.1235568523407