O PSdeG de Ourense destaca a aposta do Goberno central pola gratuidade do transporte interurbano

OurenseXa
O Goberno vén de confirmar que a gratuidade do transporte e os descontos nos servizos de transporte de viaxeiros manteranse ao longo do ano
renfe_Ourense
Estación de tren de Ourense
21 Mar 2024

PSdeG-PSOE de Ourense destaca a aposta “decidida” do Goberno central, encabezado polo PSOE, para prorrogar ata final de ano a gratuidade dos servizos de cercanías, media distancia convencional e das liñas de autobús de titularidade estatal durante todo 2024. Os e as socialistas salientan que “estamos ante unha medida da que se benefician a diario milleiros de ourensás e ourensáns”. No caso da provincia mantense o 100% na gratuidade dos Avant entre Ourense e A Coruña, ao considerarse dentro dos abonos de media distancia.

O Goberno vén de confirmar, unha vez máis, que a gratuidade do transporte e os descontos nos servizos de transporte de viaxeiros manteranse ao longo do ano, despois dunha pregunta realizada polos senadores e senadoras do PSdeG-PSOE na cámara alta ao Goberno. Na resposta confírmase dita prórroga, algo que en palabras dos e das socialistas da provincia “é unha gran nova para un territorio como Ourense, xa que suporá un importante aforro no peto de milleiros e milleiras de cidadás”.

O senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, un dos asinantes da pregunta ao Goberno, afirma que cun Goberno socialista na Moncloa, os ourensás e as ourensás, estudantes e traballadores e traballadoras “ven mellorada a súa calidade de vida, grazas as políticas levadas a cabo polo executivo de Pedro Sánchez”. O secretario provincial das e dos socialistas ourensáns tamén pon de manifesto que esta medida “está pensada para incentivar o transporte público colectivo, acelerar unha mobilidade máis sa, segura e sostible e contribuír a reducir as emisións contaminantes e garantir a accesibilidade do transporte”.

“Os abonos e descontos son unha medida impulsada polo PSOE que permite un aforro de entre 300 e 500 euros ao mes por persoa”, asevera Villarino, que tamén apunta que “todo o mundo ten claro que os trens de media distancia son gratis grazas a Pedro Sánchez e non grazas a Feijóo, cuxo partido votou en contra no Congreso”. No relativo aos abonos nos servizos Avant, o senador do PSOE ourensán destaca que a medida “permite aforrar 324 euros mensuais no traxecto Ourense<>Santiago e 468 na conexión Ourense<>A Coruña”.

“Estamos ante unha medida histórica que permite a gratuidade das viaxes en tren de media distancia dende Ourense a case todos os destinos de Galicia, como Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, O Barco ou Monforte de Lemos” salienta Rafa Villarino. Para estas medidas, orzamentáronse 660 millóns de euros en servizos ferroviarios e 80 millóns para os servizos estatais de autobús.

En concreto, o Goberno subvenciona durante o 2024 a rebaixa do 30% do transporte ás comunidades autónomas e as entidades locais que se comprometeron a implantar e complementar, con polo menos o 20%, os descontos para que, como mínimo, se reduza a metade o prezo dos servicios de transporte terrestre da súa competencia. No caso de Galicia, os beneficios afectan aos servizos de media distancia, Avant e servicios regulares de autobús, con rutas incluídas no territorio. A cidadanía tamén poderá beneficiarse dos servizos prestados pola Xunta e dos municipios que se acolleron á medida.

0.20273900032043