O PSdeG de Ourense esixe recuperar o proxecto de soterramento da Avenida Otero Pedrayo

O PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense levará a ao vindeiro pleno unha moción para esixir a recuperación do proxecto de soterramento da Avenida Otero Pedrayo, que integraría o Campus Universitario e acabaría cunha barreira urbana nun dos eixos de maior densidade de tráfico da cidade.
Os socialistas critican que o convenio asinado o pasado 7 de xaneiro entre o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia para investir 340.000 euros en crear un “refuxio climático” na zona con novas árbores e pavimentos sexa “insuficiente” e “peche durante anos a oportunidade de acometer unha transformación estrutural que a cidadanía ourensá reclama desde hai máis de tres década”.
O voceiro, Álvaro Vila, denuncia que a Xunta está a vender “un investimento en teoría importante: unhas árbores para facer un refuxio climático”. Porén, afirma que o que precisa a zona é o soterramento da avenida para comunicar as dúas zonas do campus e o futuro edificio administrativo da Xunta de Galicia, unha reivindicación que os socialistas veñen anos reclamando.
Por iso, Vila reclama ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome e ao presidente da Deputación Luis Menor que “non se conformen con migallas e reivindiquen o soterramento da Avenida Otero Pedrayo para beneficio de toda a cidadanía de Ourense”. O voceiro subliña que “mentres outras cidades avanzan na ‘pacificación’ do tráfico e a integración dos campus universitarios, Ourense mantense atrapada nunha dinámica de parches e solucións provisorias que hipotecan o seu futuro”.
Por iso, con esta moción, os socialistas recuperan o compromiso adquirido en 2023 polo presidente da Deputación, Luis Menor, quen daquela manifestou publicamente o seu apoio ao proxecto de soterramento impulsado polo alcalde ourensán, que solicitaba a colaboración das tres administracións para executar as obras. Porén, lembran, o proxecto quedou paralizado ao non asumir a Xunta de Galicia compromisos económicos firmes.
O texto da moción propón, en primeiro lugar ratificar dito compromiso, instar ao Concello a impulsar de xeito urxente os estudos técnicos e de viabilidade necesarios para definir o alcance exacto da actuación, solicitar formalmente á Xunta de Galicia que asuma o seu compromiso económico coa execución do proxecto, e crear unha comisión de traballo interinstitucional integrada por representantes da Deputación, Concello, Xunta e Universidade de Vigo que estableza un calendario de actuacións concreto e garanta a transparencia e o seguimento público do proceso.
O soterramento da Avenida Otero Pedrayo é, lembran os socualistas, unha reivindicación histórica que se remonta á década de 1990 e que xa se recollía no plan “A Porta de Galicia” de 2008, avalado pola Universidade de Vigo como un dos proxectos máis importantes da década.
O proxecto permitiría soterrar o tráfico rodado nun tramo duns 800 metros, liberar o espazo en superficie para crear un bulevar peonil con zonas verdes, carrís bici e aparcamentos, e facilitar a permeabilidade entre campus norte e sur, separados pola avenida. Unha intervención que, ademais de mellorar a calidade de vida de estudantes e veciños, revalorizaría unha zona estratéxica na que a Xunta prevé construír o seu novo complexo administrativo.
Por iso, Vila considera que “a Deputación de Ourense, como institución supramunicipal con capacidade de liderado, ten a obriga de non limitar o seu papel a un mero apoio retórico e converter en realidade o compromiso adquirido en 2023 para esixir á Xunta que asuma a súa responsabilidade nunha actuación a prol de toda a provincia”.
“O soterramento da Avenida Otero Pedrayo non é un capricho, senón unha necesidade estratéxica recoñecida por expertos, reitores, forzas políticas de diferente signo, colectivos sociais e veciñanza que reclaman unha actuación á altura das necesidades da provincia”, insiste o Secretario provincial.