O PSdeG de Ourense esixirá ao Concello a instalación de cubertas nos parques infantís e noutros espazos municipais

OurenseXa
O plan inclúe realizar un inventario detallado das zonas de xogo e parques existentes, así como doutros espazos municipais susceptibles de ser cubertos para o seu uso durante todo o ano
maria-fernandez-natalia-gonzaez-alba-iglesias-psoe-ourense
2 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Ourense presenta unha proposta para impulsar a creación de parques infantís e outras instalacións municipais cubertas, co fin de que a infancia poida gozar destes espazos ao longo de todo o ano, a pesar das condicións climatolóxicas propias da cidade.

“Está claro que as características climatolóxicas de Ourense precisan medidas concretas para que non se restrinxa o tempo e espazo de lecer dos nenos e nenas. Actualmente, hai moi poucas zonas comúns cubertas”, explicou a voceira socialista, Natalia González.

A iniciativa plantea que nun prazo máximo dun ano se redacte e contrate o primeiro parque infantil cuberto da cidade. Ademais, propón abrir un proceso participativo para que familias, ANPAS e asociacións dos distintos barrios poidan facer propostas sobre a localización e o deseño destes espazos.

O plan inclúe realizar un inventario detallado das zonas de xogo e parques existentes, así como doutros espazos municipais susceptibles de ser cubertos para o seu uso tanto no verán, coas altas temperaturas, como no inverno, cando as precipitacións son máis frecuentes. González lembrou que esta idea xa se está a implementar noutras cidades como Ferrol ou Irún.

⚙ Configurar cookies
0.07967209815979