O PSdeG de Ourense levará unha queixa ao Parlamento galego para condenar os ataques de Jácome contra os medios

OurenseXa
Pedirán ademais que se impulse unha declaración coa FEGAMP en defensa da liberdade de prensa
Carmen R. Dacosta
Carmen Rodríguez Dacosta
15 Dec 2025

O PSdeG de Ourense defenderá unha batería de iniciativas no Parlamento galego para que o goberno autonómico condene “calquera práctica institucional que limite, dificulte ou desprece o labor profesional dos medios de comunicación, incluídos episodios de increpación, insultos ou humillación pública, promovendo boas prácticas municipais en materia de pluralismo e respecto institucional”.
Os socialistas continúan así coa súa defensa da liberdade de prensa no Concello de Ourense tras os ataques do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, aos profesionais da información.

Nesta liña, a deputada Carmen Rodríguez Dacosta que defenderá unha proposición non de lei, e preguntas ante a Comisión 1º e o Pleno, para que se impulse, en coordinación coa Fegamp, unha declaración institucional que reforce a defensa da liberdade de prensa e do dereito da cidadanía a unha información veraz, plural e independente, tal e como xa reclamaba a moción aprobada cos votos de PP e BNG na sesión plenaria do Concello de Ourense deste mes de decembro.

Estas peticións por parte das socialistas chegan despois do recente anuncio do rexedor de DO que afirmou que limitaría o tempo de traballo dos fotoxornalistas aos primeiros 5 minutos de cada pleno, logo de menosprezar a un deles cualificándoo de paparazzi.

Porén, dende o PSOE lembran que non se trata da primeira ocasión na que tanto dende o grupo municipal como dende o parlamentario presentan iniciativas para defender un dereito constitucional. “Nos últimos anos, no Concello de Ourense veñen producíndose actuacións que vulneran estes principios democráticos: eliminación das roldas de prensa institucionais e a substitución das mesmas por ‘vídeos informativos’ sen preguntas difundidos exclusivamente a través da canle privada do alcalde (Auria TV), utilización de medios municipais con fins alleos ao interese público, restricións de acceso aos medios e un ton crecente de confrontación coa prensa”, destaca Dacosta.

“O último episodio produciuse o día 25 de novembro cando o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, increpou e desprezou publicamente ao fotógrafo Xesús Fariñas mentres este exercía o seu labor profesional nun ton claramente irrespectuoso. Este comportamento é impropio de calquera cargo público e incompatible coa máxima responsabilidade institucional da cidade. As asociacións profesionais de fotoxornalistas e xornalistas de Galicia condenaron con firmeza este comportamento e nós non podemos máis que apoiar os seus reclamos”, remata contundente.

Para as socialistas, A Xunta de Galicia, dentro das súas competencias, debe actuar para garantir o cumprimento da normativa audiovisual, o correcto uso da comunicación institucional e a protección do dereito da cidadanía a recibir información veraz, plural e independente.

⚙ Configurar cookies
0.088633060455322