O PSdeG de Ourense organiza unha mostra sobre os últimos 20 anos da agrupación municipal

OurenseXa
“Este proxecto é un dos maiores retos neste mandato da dirección local: recuperar a historia do noso partido en Ourense e poñela a dispor da militancia e da veciñanza”, sinalan
Alba Iglesias e Natalia González, grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
12 sep 2024

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense esta a organizar unha exposición fotográfica dos últimos 25 anos da agrupación política. “Este proxecto é un dos maiores retos neste mandato da dirección local: recuperar a historia do noso partido en Ourense e poñela a dispor da militancia e da veciñanza”, sinalan as e os socialistas.

Trátase dunha iniciativa participativa que persegue o obxectivo de que poida ver a luz a inicios de 2025 e sirva como repaso ao labor e intensa actividade desenvolta este recente cuarto de século. Para calquera persoa que queira colaborar ou aportar algún tipo de documentación habilitarase o enderezo electrónico: expofotograficapsoeou@gmail.com. Tamén se pode participar entregando as instantáneas achegándose persoalmente á sede do PSOE na rúa Ribeira de Canedo (nº 24,26).

Nos bloques temáticos da mostra fotográfica, á marxe da historia da propia agrupación, terán un apartado específico os distintos grupos municipais socialistas que a representaron no Concello de Ourense ata a actualidade, ao igual que as Xuventudes Socialistas.

Por outra banda, na reunión ordinaria celebrada no día de hoxe da Comisión Executiva Municipal concretáronse ademais as actividades programadas para o próximo trimestre, que inclúen, entre outras, actos coma a homenaxe a Eduardo Blanco-Amor no 127 aniversario do seu nacemento esta fin de semana, o de recordo ás vítimas do franquismo o vindeiro 31 de outubro ou o tradicional magosto da agrupación que se celebrará o 8 de novembro en Reza.

0.082515001296997