O PSdeG de Ourense organiza unha homenaxe ás irmás Touza no Día das Vítimas do Holocausto

O próximo sábado 31 de xaneiro, ás 19:00 horas na sede do PSOE de Ourense, terá lugar un acto aberto á cidadanía organizado polo PSdeG, Xuventudes Socialistas e a Comisión Executiva Provincial para conmemorar o Día das Vítimas do Holocausto.
Neste evento, centrado na figura das irmás Touza, a historiadora e divulgadora Rosa María Cid achegará o contexto histórico, mentres que Alexandra Touza, descendente das protagonistas, aportará unha visión máis próxima e familiar sobre estas tres mulleres que axudaron a salvar a máis de 500 persoas que escapaban do exterminio nazi, creando unha rede clandestina para levalas ata a estación de tren de Ribadavia.
Como lembra Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria Democrática da Comisión Executiva Provincial, “En 2004, o Consello de Ministros presidido por José Luis Rodríguez Zapatero, acordou instaurar o Día da Memoria do Holocausto e a Prevención dos Crimes contra a Humanidade e nós queremos ratificar o noso compromiso social de loitar contra calquera forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos”.
Tamén participará no acto a secretaria de Igualdade da Comisión Executiva Municipal e deputada no Congreso, Marga Martín, que subliña “Debemos ser firmes contra calquera forma de violencia, persecución ou discriminación, sexa esta o racismo, a xenofobia, o antixitanismo, a LGBTIfobia ou a islamofobia; especialmente cando observamos con profunda preocupación o incremento de mensaxes de odio e intolerancia en moitos países, e nas redes sociais”.
Pola súa banda, Miguel Gómez e Daniel Barredo, secretario xeral e secretario de Formación de Xuventudes Socialistas respectivamente, destacan a importancia deste encontro para “coñecer de preto a historia máis recente que ningún pobo debería estar condeado a repetir”.