O PSdeG de Ourense organizará un acto polo 75 aniversario de Castelao

OurenseXa
Os socialistas toman a iniciativa despois de confirmar que o Concello de Ourense non levará a cabo ningún acto institucional
María Fernández e Cristina Cruz, PSdeG-PSOE de Ourense
María Fernández e Cristina Cruz
17 Mar 2025

Este 2025 conmemóranse os 75 anos do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. E ante a confirmación o pasado pleno ordinario de marzo por parte do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de que non se levaría a cabo ningunha actividade ou acto institucional para homenaxear a súa figura, as e os socialistas organizarán un acto o vindeiro 28 de marzo.

“Os Concellos de distintas cidades e vilas de Galicia réndenlle homenaxe a través de programacións culturais nas que se inclúen rueiros, exposicións ou xornadas literarias. Pero en Ourense nada se vai facer”, lamenta a edil do PSdeG Cristina Cruz ante a ausencia de vontade do goberno municipal para poñer en valor a obra e figura do autor.

“Non é certo, como nos queren facer ver dende o executivo de DO que a cultura só interesa a unha minoría que cualifican despectivamente como ‘culturetas’. E fomentar a cultura é fortalecer o orgullo local e facilitar a inclusión e a educación no conxunto da nosa sociedade”, expón a socialista á vez que continúa argumentando que urxe poñer en marcha políticas neste eido que “promovan e fomenten actividades a prol do galego”.

“Hoxe, máis que nunca, as palabras de Castelao están vixentes. Ao executivo municipal interésalle que non sexamos críticos, que non cuestionemos o seu labor e mantén entretida á cidadanía con festas e excentricidades que non aportan nada máis que desfrute ocasional e non permiten afondar no coñecemento”, subliña a socialista.

Tamén defenden dende o grupo socialista no Concello de Ourense que Castelao é a figura que mellor representa a galeguidade –tanto na súa vertente artística como na política–. “Loitou polo estatuto de autonomía galego, foi o primeiro presidente do Consello de Galicia no exilio e na súa obra pódese apreciar o sentir dos galego e galegas que viviron unha época convulsa e que, sen embargo, protexeron a nosa identidade e a nosa lingua, máis alá do distinto asoballamento das institucións durante a ditadura”, sostén Cruz.

Por todo elo, o grupo do PSdeG si organizará actos para continuar celebrando as figuras máis destacadas, continuar aprendendo do pasado e presente. “Precisamente por iso, o 28 de marzo, Ás 19:00 horas, na praza da Biblioteca Nós, a artista Uxía Morán será a encargada de realizar unha ‘performance’ sobre as personaxes femininas do escritor de Rianxo. O acto será aberto ao público.

⚙ Configurar cookies
0.047834157943726