O PSdeG de Ourense pide á oposición apoiar a retirada do proxecto orzamentario do CMD e da ordenanza da piscina das Burgas

O PSdeG no Concello de Ourense vén de solicitar formalmente ao PP e ao BNG que se sumen á súa petición de retirar o proxecto de orzamento do Consello Municipal de Deportes (CMD) e a ordenanza que regula o prezo da piscina termal de As Burgas, pechada desde hai seis anos.
“Onte recibimos a convocatoria dun pleno extraordinario e urxente para este mércores e, levamos tres anos de mandato, acatando plenos extraordinarios no Concello de Ourense non o están a ser. Como tampouco o é a urxencia da aprobación dunha ordenanza municipal para o pago dun prezo pola piscina das Burgas, que leva pechada 6 anos, e non conta cun informe económico que xustifique dito prezo”, sinala a edil do PSdeG María Fernández Ojea, que cuestiona a xustificación do executivo de Gonzalo Pérez Jácome para declarar urxente a sesión.
As socialistas consideran que non consultar á oposición antes de convocar plenos extraordinarios supón unha “falta de respecto” e lembran que “o Pleno é o órgano máis importante de representación política, con datas asignadas, e cuxa urxencia e extraordinariedade só pode ser debida a motivos xurídicos taxados”.
En consecuencia, as socialistas rexistraron este martes unha queixa formal, lembrando que “De acordo co disposto no artigo 46 da Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, así como no Real Decreto 2568/1986, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, a Alcaldía ostenta a competencia para convocar sesións extraordinarias e, no seu caso, declarar a súa urxencia, sempre que concorran os requisitos legalmente establecidos”.
No escrito, as socialistas alertan de que “o carácter extraordinario e, especialmente, o mecanismo da urxencia, están previstos polo ordenamento xurídico para supostos excepcionais, non para converterse no instrumento de funcionamento da Corporación. As convocatorias fixadas unilateralmente e sen comunicación previa provoca unha preocupante banalización da urxencia e un uso impropio dun mecanismo que debería ser restritivo”.
Por iso, exixen que se estableza “unha mínima canle de comunicación cos grupos municipais” antes de convocar sesións plenarias extraordinarias, sobre todo as declaradas urxentes, co obxectivo de garantir un correcto desenvolvemento da actividade e preservar o respecto institucional ao máximo órgano de representación.
Ademais, critican que se volvese a convocar o Consello Municipal de Deportes para un día fóra da súa rutina, para aprobar entre outros asuntos o orzamento provisional “sen fiscalizar pola intervención municipal”. Fernández Ojea subliña: “Tampouco entendemos a urxencia de aprobar algo sen fiscalizar cando o Concello de Ourense estivo 6 anos a funcionar sen orzamentos actualizados. O que semella que pretenden é ter a quen culpar por non ser quen de abrir a piscina termal de As Burgas nin aprobar o presuposto do CMD”, cualificando a actuación do goberno municipal de “infantil” e indicativa dunha “incapacidade” para gobernar a cidade.