O PSdeG de Ourense pide abordar con urxencia a situación das persoas dependentes en Galicia

A secretaria de Política Social do PSdeG e portavoz do grupo municipal socialista en Ourense, Natalia González, e a deputada Silvia Longueira, mantiveron esta mañá unha reunión no Parlamento galego con representantes da plataforma Emerxencia Dependencia para coñecer de primeira man as súas reivindicacións.
No encontro, as socialistas analizaron xunto coa plataforma a situación en distintas provincias e cidades de Galicia. Desde o PSdeG destacan a urxencia de mellorar a atención ás persoas dependentes, que actualmente, denuncian, enfrontan esperas de ata un ano para recibir prestacións que, segundo a lei, deberían tramitarse nun prazo máximo de 180 días.
Ademais, abordaron outros temas como a precariedade laboral do persoal do Servizo de Atención á Familia (SAF). Tras o encontro, ambas participaron na concentración convocada pola plataforma fronte ao Pazo do Hórreo.