O PSdeG de Ourense pide ao Concello garantir a accesibilidade dos veciños da rúa Alejandro Pedrosa durante as obras

OurenseXa
Consideran que os traballos son esenciais para o barrio do Vinteún pero insisten na necesidade de que exista unha comunicación permanente entre os veciños e o Concello
psoe-obras-alejandro-pedrosa
25 Feb 2025

Logo de percorrer a remodelación da rúa Alejandro Pedrosa xunto á veciñanza, as e os socialistas coincidiron en que se trata “dunha obra esencial para o barrio do Vinteún”, pero que se debe garantir “o contacto permanente e información aos e ás residentes, a accesibilidade a vivendas, negocios e aparcamentos e unha axeitada reorganización do tráfico rodado e das liñas de bus nesta zona” .

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista no Concello de Ourense, afirmaron que solicitaran toda a información oportuna ao goberno local, ademais de trasladar as demandas máis inmediatas que a veciñanza lles fixo chegar no encontro de onte.

Dita obra, por importe de 2.462.330,05 euros, está en parte tamén financiada a través de fondos europeos do Goberno de España. “A rúa Río Sil conta con máis de 700 prazas de aparcadoiro das cales, segundo as infografías iniciais, poderían quedar bloqueadas algunhas delas coa colocación de xardineiras, algo que debe rectificarse antes da súa execución final”, expón a voceira do PSdeG, Natalia González.

Ademais, entenden as e os socialistas que é preciso garantir que o acceso á zona norte da rúa Río Sil “non supoña un colapso nas colindantes”, ás que se accede pola avenida de Santiago, na futura reorganización do tráfico tralas obras.

“Debe contemplarse tamén con previsión a situación da nova parada de bus, os novos percorridos e tratar de manter frecuencia e servizos da liña 13B. E ten que informarse debidamente, e con antelación, aos veciños e veciñas a hora de acometer fases de obra que requira cortes de circulación ou acceso a garaxes e vivendas”, remata sobre a remodelación.

⚙ Configurar cookies
0.17323017120361