O PSdeG de Ourense pide concreción respecto á declaración das zonas farmacéuticas especiais anunciada pola Xunta

O secretario provincial do PSdeG-PSOE e voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila, valorou hoxe a recente decisión da Xunta de Galicia de declarar 29 zonas farmacéuticas especiais na comunidade, varias delas na provincia de Ourense, en concellos como Cualedro, A Merca, A Veiga, A Bola, Viana do Bolo, O Bolo e Castrelo do Val.
Para Vila, esta medida “é positiva e necesaria”, pero subliña que “non foi un acto de xenerosidade espontánea do PP, senón o resultado directo da presión política e das propostas concretas que o PSdeG-PSOE vén impulsando desde hai meses”.
O líder socialista lembrou a moción presentada polo seu grupo en outubro de 2024, aprobada por unanimidade no Pleno da Deputación, na que xa se reclamaban actuacións específicas para mellorar as condicións das farmacias rurais e garantir a súa viabilidade económica. “O Partido Popular ten un patrón ben coñecido: primeiro ataca, oponse ou ignora as nosas propostas, despois adopta como propias as ideas que os socialistas levamos defendendo desde o principio”, afirmou o líder dos socialistas ourensáns.
Segundo explicou, a moción do PSdeG-PSOE “non só identificou o problema con rigor e profundidade, senón que tamén formulou solucións viables para que as farmacias do rural poidan sobrevivir nun contexto de despoboamento, envellecemento e dispersión xeográfica”. Por iso, di, “é evidente que a presión exercida dende as institucións, a mobilización das profesionais do sector e a insistencia do PSdeG-PSOE foron determinantes para que a Xunta movese ficha”.
O voceiro socialista destacou tamén que a moción, defendida por Elena Álvarez Cerdeiriña, farmacéutica dos Peares, xa advertía que as farmacias rurais “non son só un servizo sanitario, senón un piar fundamental do benestar da veciñanza e un vector de loita contra o despoboamento”. “Agora a Xunta adopta un discurso case idéntico ao noso, pero a cidadanía debe saber quen fixo o traballo previo, quen identificou o problema e quen presentou as solucións”, recalcou Vila.
O secretario provincial valorou que a Consellería de Sanidade recoñeza finalmente “a labor imprescindible das farmacias rurais no seguimento da medicación dos maiores e na cohesión das comunidades”, pero advertiu que “as declaracións de boas intencións non abondan”. Por iso, esixiu que a Xunta “concrete con orzamentos reais, plans de actuación específicos e mecanismos de seguimento efectivo” as medidas de apoio ás farmacias das zonas especiais declaradas. “Non queremos titulares baleiros, queremos recursos tanxibles e compromisos cumpridos”, afirmou, pedindo ademais transparencia nos criterios de selección das zonas e na distribución das axudas.
“O PSdeG-PSOE” asegura, “seguirá exercendo a súa función de control e fiscalización para garantir que estas medidas non queden en papel mollado”, e reivindicou o papel do seu partido como “motor de ideas e solucións concretas” para os problemas reais da provincia e insistiu en que “cando o PP aplica as nosas propostas, demostra que os socialistas somos quen marca o camiño do progreso”. Por iso, asegura que o Grupo Provincial Socialista seguirá traballando en novas iniciativas para defender as farmacias rurais, mellorar os servizos públicos e frear o despoboamento na provincia de Ourense.