O PSdeG de Ourense pide explicación polas actuacións levadas a cabo nas fontes da Praza das Mercedes

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense pide explicación ao Goberno municipal de Gonzalo Pérez Jácome pola actuación que se está a levar a cabo actualmente nas fontes da Praza das Mercedes, cualificándoa de “exemplo claro de falta de planificación nun espazo clave da cidade”.
Critican que “lonxe de dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza como era a restauración das fontes, a intervención limitouse a cubrilas con terra e abono”. Unha situación que, segundo as socialistas, está “xerando un forte cheiro que está a afectar gravemente á vida diaria da zona”, o que deriva nun “impacto directo na actividade económica, especialmente na hostalería, con terrazas baleiras e perda de clientela.
Desde o PSOE critican que “non só non se solucionou o problema, senón que se agravou, convertendo a praza nun espazo incómodo e pouco atractivo, cando debería ser un punto de encontro para veciños e visitantes”.
Ademais, denuncian a “falta de transparencia e diálogo” por parte do Goberno de Pérez Jácome, que non informou previamente desta actuación, nin contou, din, cos veciños e profesionais afectados. Estamos ante unha decisión incomprensible, sen respaldo coñecido e que evidencia unha preocupante improvisación na xestión do espazo público”, sinalan. Isto, denuncian, súmase ao incremento das taxas de terrazas e outras esixencias que, segundo o PSOE, “resultan difíciles de cumprir, nun contexto claramente prexudicial para a súa actividade”.
Finalmente, anuncian que levarán este asunto aos órganos municipais correspondentes a través dunha batería de preguntas para depurar responsabilidades e obter explicacións claras.