O PSdeG de Ourense pide máis recursos para vivenda e a disolución do Inorde

OurenseXa
Critican a “instrumentalización política” do organismo e piden aumentar os fondos do Plan de Vivenda
grupo-provinciial-socialista-deputacion-de-ourense
27 Jan 2026

O Grupo Provincial Socialista da Deputación de Ourense, encabezado polo seu portavoz Álvaro Vila Araújo, ofreceu este martes unha rolda de prensa para abordar temas clave da actualidade provincial, na que destacou o relevo de dúas deputadas, a necesidade de aumentar os recursos do Plan de Vivenda, a instrumentalización política do Inorde e a recuperación do proxecto de soterramento da Avenida Otero Pedrayo.

Acompañado por deputadas e deputados do seu grupo, Vila fixo un balance dos fitos políticos das últimas semanas. O líder do PSdeG-PSOE provincial agradeceu o traballo realizado polas deputadas Susana Rodríguez Estévez, tenente de alcalde de Amoeiro, e Marina Vaz Quintillán, concelleira en Riós, que deixan os seus cargos tras dous anos e medio.

O portavoz explicou que estes cambios estaban previstos desde o inicio do mandato 2023-2027, como parte dun sistema de renovación acordado internamente. As novas incorporacións, que se formalizarán no pleno de febreiro, serán Susana Rodríguez Rodríguez, tenente de alcalde de Coles, e Eva Pérez Gamote, alcaldesa de Vilardevós. Vila resaltou a “experiencia municipal e compromiso” das novas deputadas, que “aportan unha visión renovada e un coñecemento directo das necesidades dos nosos concellos”.

Un dos temas centrais foi a situación do Plan de Vivenda, unha iniciativa socialista da Deputación que destina fondos aos municipios para rehabilitar vivendas destinadas a aluguer social. Vila lembrou que esta proposta contaba inicialmente con 500.000 euros nos orzamentos, unha cantidade que cualificou de “claramente insuficiente”. En 2025 rexistráronse 33 solicitudes, pero só se puideron atender 14, quedando fóra case o 60% dos municipios. Por iso, o portavoz esixiu ao goberno provincial que “incremente de forma significativa esta partida para atender todas as solicitudes e garantir vivenda pública accesible”.

Álvaro Vila denunciou a “instrumentalización política” do Inorde e a “falta absoluta de rigor” nos informes sobre o seu futuro. Lembrou que, por iniciativa do seu grupo, se aprobou unha moción para a disolución do Instituto e a integración das súas funcións e persoal na Deputación. “Tras moitos meses de silencio e de insistir moito, só recibimos un informe moi escaso, elaborado polo propio Inorde, sen datos obxectivos, nin unha visión estratéxica clara, nin prazos”, subliñou.

Vila reclamou “seriedade e rigor”, e criticou que o Inorde continúa actuando de forma opaca, sen publicar o seu informe de actividades desde 2022. “O Inorde é incapaz de facer un autodiagnóstico serio sobre a súa razón de ser e as súas iniciativas, pero si ten tempo para elaborar estudos sesgados sobre a supresión de frecuencias de tren na estación da Gudiña, o que supón unha clara instrumentalización política dun problema que afecta á provincia”, sinalou.

“Por iso, os socialistas levamos ao pleno unha moción esixindo que, se o Inorde quere facer estudos de impacto, que os faga ben e con rigor, e que comece por medir as consecuencias do desmantelamento da sanidade e a educación en Ourense, sectores que sofren un deterioro gravísimo”, afirmou o secretario provincial socialista. Vila advertiu que “non se pode permitir que unha entidade pública financiada pola cidadanía realice estudos á carta, mentres ignora problemas estruturais que condenan as comarcas ao éxodo demográfico”.

⚙ Configurar cookies
0.097113132476807