O PSdeG de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno Central coas infraestruturas da provincia

OurenseXa
Subliñan que a extensión dos descontos do 75% para usuarios recorrentes á AP-53 “amosa que temos un Goberno que traballa a prol dos ourensáns e as ourensás”
Marga Martín e Rafael Rodríguez Villarino
Marga Martín e Rafael Rodríguez Villarino
19 Dec 2024

O PSdeG-PSOE de Ourense celebra o compromiso do Goberno encabezado polo PSOE coa provincia, tras anunciar o ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, a extensión á AP-53 dos descontos do 75% para usuarios recorrentes da autoestrada Ourense a Santiago, cun investimento contemplado de 7,6 millóns de euros.

Dende o PSOE ourensán subliñan que esta decisión “amosa que temos un Goberno que traballa a prol dos ourensáns e as ourensás, facilitándolle a súa calidade de vida, mellorando os servizos e agora tamén apostando por un importante aforro nas peaxes da autoestrada a Santiago”. Unha “gran” nova para a provincia de Ourense e que deu a coñecer Óscar Puente onte na sesión de control ao Goberno no Senado.

O senador socialista pola provincia de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, afirman que esta medida, que entrará en vigor no primeiro trimestre de 2025, “supón un antes e un despois para a cidadanía da nosa provincia, que verá corrixida a discriminación con respecto a Galicia Atlántica, que xa desfrutaba destas bonificacións na AP-9”.

“Da man dun Executivo socialista ao fronte do Goberno central, a provincia de Ourense segue recibindo bonificacións e investimentos nunca antes vistos”, destacan Villarino e Martín. O e a representante socialista en Madrid tamén apuntan a que “namentres o PP optou sempre pola privatización das autoestradas e a prórroga das concesións das mesmas, temos un PSOE que pensa nas persoas e que busca abaratarlles os custes nos desprazamentos diarios entre Ourense e a capital de Galicia”.

Óscar Puente tamén sinalou durante a súa intervención que estas bonificación da AP-53 “faranse con independencia de que haxa Orzamentos Xerais do Estado para o próximo ano”. Contemplaranse 7,6 millóns de euros especificamente para a AP-53 nas contas de 2025, pero se isto non fose posible contarase con 27,6 millóns de euros adicionais.

O PSdeG-PSOE de Ourense aproveita para lembrar que “namentres o PSOE se compromete con infraestruturas clave para a provincia, temos un PP inerte e que opta polo desleixo en autoestradas que dependen do goberno galego como a AG-31”. Neste senso subliñan que “o PP leva anos dando as costas as reclamacións para o remate desta autoestrada, que agora chega a Celanova e que reclamamos que se estenda ata a fronteira portuguesa”. Para Villarino e Martín “este é o vivo exemplo do abandono do PP á provincia de Ourense”.

⚙ Configurar cookies
0.091644048690796