O PSdeG de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno para recuperar as telecomunicacións tras os incendios do verán

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca o “firme compromiso do Goberno central” para garantir a conexión a internet e telefonía móbil nos municipios galegos afectados polos graves incendios do pasado verán.
Así o destacou o senador Rafael Rodríguez Villarino durante a súa intervención na comisión de Transformación Dixital do Senado, onde subliñou que o Executivo español “é plenamente consciente da magnitude das consecuencias derivadas da vaga de lumes que asolaron ao Estado, a Galicia, e singularmente á provincia de Ourense o pasado mes de agosto”. Segundo o senador, esta situación puxo de manifesto a importancia de contar con redes e servizos de telecomunicacións robustos, que requiran un marco xurídico integral para asegurar a súa seguridade e resiliencia ante emerxencias.
Neste sentido, o Goberno impulsou un proxecto normativo, actualmente en trámite ata xaneiro de 2026, que busca fortalecer a seguridade das redes e servizos de comunicacións electrónicas, cualificándoos como esenciais en situacións de emerxencia para facilitar a súa rápida recuperación e mantemento.
Ademais, desde o PSdeG de Ourense subliñan que o compromiso do Executivo reflíctese tamén nos programas de mellora da conectividade que se están a desenvolver en Ourense. Entre eles, explican, destacan o despregue de banda ancha dentro do Proxecto UNICO Banda Ancha, financiado con máis de 900.000 euros, e o programa UNICO-5G Activas, que pretende ofrecer cobertura 5G con velocidades mínimas garantidas, con investimentos que superan os catro millóns de euros e finalización prevista para febreiro de 2026. Así mesmo, está prevista a instalación de preto dun milleiro de estacións móbiles 5G en toda Galicia para finais de 2026, cun orzamento estimado en 70 millóns de euros.
Estas iniciativas, apuntan os socialistas, forman parte dun esforzo máis amplo para garantir unha conexión fixa de alomenos 100 Mbps en toda España, independentemente da localización, grazas a programas como UNICO Banda Ancha e UNICO Demanda Rural (Conéctate35), que buscan pechar a fenda dixital entre zonas urbanas e rurais.