Os socialistas Ourense presentan emendas ás novas tarifas de tratamento de residuos e limpeza viaria

OurenseXa
Piden que o aumento do 45% non se aplique de maneira “indiscriminada”, senón que se establezan criterios que teñan en conta a capacidade económica de cada contribuínte
maria-fernandez-ojea-psoe-ourense
María Fernández Ojea
3 Nov 2025

O grupo municipal socialista de Ourense presentou emendas ao proxecto de ordenanza que regula as novas tarifas de tratamento de residuos e limpeza viaria, un texto que, segundo denuncian, o goberno local pretende aprobar “sen diálogo nin participación” e que contempla subas de ata un 45% nos recibos de vivendas e negocios.

As socialistas critican que o executivo municipal xustifique este incremento “cun falso imperativo legal” e baseándose nun estudo económico “feito a ollo e apoiado en custes estimados dun contrato que nin sequera está adxudicado”, segundo explicou a edil do PSdeG, María Fernández Ojea. Por iso, di, o que propoñen os socialistas é “cumprir a lei” pero “con sentido común”, e consideran que debe pagar máis “quen máis contamina, non quen menos pode”.

Para a socialista, “non se pode facer política ambiental a golpe de recibo, sen transparencia nin participación”, e insiste en que a suba “non obedece a ningunha imposición do Goberno de Pedro Sánchez nin da Unión Europea, como repite a dereita, senón a unha decisión puramente local”.

A concelleira lamenta que “o Concello de Ourense leva máis dunha década sen implementar ningún tipo de mellora no servizo público esencial de tratamento de residuos, sen adaptarse ás políticas medioambientais e sen fomentar a reciclaxe”. Por iso, o grupo socialista rexistrou unha serie de modificacións ao documento co obxectivo de “introducir progresividade, equidade e sustentabilidade real no modelo”.

Entre as súas propostas, as socialistas plantexan que o aumento do 45% non se aplique de maneira “indiscriminada”, senón que se establezan criterios que teñan en conta a capacidade económica de cada contribuínte. “No goberno local non teñen en conta ás persoas, e a veciñanza é quen paga as consecuencias da súa ineptitude”, advirte Fernández.

Tamén reclaman que as tarifas se fixen cada ano en base a un informe técnico-económico actualizado elaborado pola Intervención Municipal, que acredite os custes reais do servizo e diferencie os custes directos e indirectos, excluíndo aqueles que non estean relacionados coa recollida e o tratamento de residuos. “Deste xeito garántese que as tarifas respondan a datos verificables e non a estimacións provisionais dun contrato aínda sen adxudicar”, puntualiza.

Outra das emendas propón establecer tramos progresivos nas tarifas aplicables ás vivendas, diferenciando categorías segundo a superficie útil ou o consumo medio de auga como indicador da xeración de residuos. “Trátase de introducir progresividade e equidade, de modo que quen máis contamina e consome máis recursos contribúa en maior medida”, explica a edil socialista.

Por último, o grupo do PSdeG propón que se graven novas casuísticas como as Vivendas de Uso Turístico (VUT) e que se distingan os distintos tipos de establecementos e comercios. Ademais, defenden medidas que protexan ás persoas con menos recursos, en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social, “para que non se vexan afectadas de xeito excesivo polo incremento dos custes, que ademais non mellora a calidade do servizo nin resulta óptimo para unha cidade como Ourense”.

⚙ Configurar cookies
0.074537038803101