As socialistas de Ourense propoñen unha batería de iniciativas polo 25N

OurenseXa
O obexectivo, explican, é previr a violencia machista dende o ámbito educativo, deportivo, cultural e institucional
Alba Iglesias, María Fernández e Natalia González, PSdeG-PSOE de Ourense
Alba Iglesias, María Fernández e Natalia González, PSdeG-PSOE de Ourense
29 Oct 2025

As concelleiras socialistas no Concello de Ourense presentaron unha serie de propostas co obxectivo de conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con accións “transversais e dirixidas a toda a cidadanía”, que combinen sensibilización, educación e participación social.

Entre as iniciativas destacan a creación dunha “cápsula do tempo”, un Pleno simbólico, unha “cabina do amor tóxico”, programas de formación para educadores e alumnado, e exposicións e campañas itinerantes. As propostas serán levadas ao Consello Municipal de Igualdade para o seu debate e posible aplicación.

No eido urbano, as edís do PSdeG propoñen realizar unha auditoría de seguridade participativa nos barrios para identificar puntos perigosos para as mulleres, como zonas escuras ou mal deseñadas, e deseñar un plan de mellora. Ademais, suxiren instalar bancos violetas con códigos QR que enlacen a recursos de axuda e mensaxes de sensibilización, así como lanzar unha campaña municipal no transporte público con información útil nas marquesiñas e autobuses.

Desde o ámbito educativo e deportivo, o grupo socialista aposta por un programa específico para alumnado de Secundaria e Bacharelato que permita “dotar a adolescentes e ás súas familias de ferramentas prácticas na identificación de sinais de violencia psicolóxica, control dixital e relacións de dependencia emocional”.

As socialistas tamén defenden que os espazos deportivos e xuvenís deben ser lugares de promoción da igualdade e respecto. Por iso, propoñen formar a adestradores, monitorado e persoal técnico en estratexias de prevención e intervención ante condutas machistas, “para anticipar comportamentos que se aprenden por repetición e que deberían estar erradicados da sociedade”.

Unha das propostas máis simbólicas é a creación da “Cabina do amor tóxico”, unha instalación sensorial que permitiría ás persoas “vivir unha experiencia directa e reflexionar sobre a violencia psicolóxica e o control dixital”, co obxectivo de xerar impacto emocional e abrir conversacións reais entre a mocidade.

No plano institucional, as socialistas consideran imprescindible un posicionamento firme do Concello. Por iso, propoñen celebrar un Pleno simbólico con mulleres referentes locais, crear unha cápsula do tempo con mensaxes e testemuñas de mulleres ourensás sobre igualdade e superación, e habilitar un buzón físico e dixital onde a cidadanía poida expresar de forma anónima as súas reflexións ou reclamacións, que posteriormente serían lidas nun pleno municipal.

En palabras das concelleiras do PSdeG, o conxunto destas accións busca que o 25N sexa “un espazo de reivindicación real, participativo e útil para seguir avanzando na erradicación da violencia machista dende todos os ámbitos da sociedade”.

⚙ Configurar cookies
0.075651168823242