O PSdeG de Ourense ratifica o calendario orgánico para a celebración das primarias á secretaría xeral e o V Congreso povicincial

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar o seu Comité Provincial no que se ratificou por unanimidade a proposta do calendario orgánico da Executiva Provincial para as vindeiras semanas, co fin de proceder á celebración das eleccións primarias á secretaría xeral e do V Congreso Provincial.
As e os socialistas destacan que este proceso orgánico “serve para darlle voz á militancia dun xeito democrático, algo que nos distingue do resto do partidos, ao promover a participación política das bases”. Neste senso tamén apuntan a que “será a militancia a que decida o futuro do partido os próximos 4 anos, co fin de construír o mellor proxecto para a provincia de Ourense”.
O proceso orgánico xa está en marcha e destacan as seguintes datas:
- Presentación de precandidaturas do 27 de marzo ao 3 de abril.
- Recollida e presentación de avais do 4 ao 11 de abril.
- Campaña de información á militancia do 17 ao 26 de abril.
- Proposta de candidaturas dos delegados ao V Congreso Provincial o 25 de abril.
A votación á secretaría xeral realizaríase o domingo 27 de abril, no caso de que conflúan varias candidaturas. No caso de ser precisa unha segunda volta, esta tería lugar o domingo 4 de maio. Logo das xornadas de votación e ata a celebración do Congreso, traballarase na elaboración do relatorio marco que fixará a orientación do proxecto para os vindeiros anos. O proceso finalizará co V Congreso Provincial Ordinario, previsto para o domingo 18 de maio.
As e os socialistas seguirán a ser o “instrumento máis útil para traballar por todos os ourensáns, co fin de dar resposta aos seus problemas e para impulsar o presente e o futuro da provincia”, aseveran. Ao fío disto, a Comisión Executiva fixo balance da situación actual e destacou que o obxectivo “é seguir traballando na procura de que Ourense avance, así como resolver as necesidades da provincia”.