O PSdeG de Ourense saca adiante un plan para axudar ao pequeno comercio

OurenseXa
A iniciativa foi aprobada coa abstención do resto de grupos e busca nomeadamente axudar aos comercios que se ven afectados polas distintas obras de humanización da cidade
natalia-gonzalez
10 Apr 2026

O Pleno do Concello de Ourense aprobou este venres unha moción presentada polo grupo socialista para a posta en marcha dun Plan Municipal de Compensación Fiscal e Axudas ao pequeno comercio afectado polas obras de humanización urbana actuais e para as que se desenvolvan nos vindeiros anos.

A iniciativa, que saíu adiante cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP, BNG e DO, permitirá dar un primeiro paso para apoiar a autónomos, microempresas e negocios que están a sufrir un forte impacto económico derivado das actuacións urbanísticas que están en marcha na cidade. Unhas obras que, segundo salientou a voceira, Natalia González, “son necesarias para avanzar cara a unha urbe máis moderna e accesible”. Porén, asegura, ““non se pode deixar atrás ao tecido económico que sostén os barrios”, subliñando que o pequeno comercio “é un elemento esencial do tecido económico e social de Ourense, xerador de emprego e dinamizador”.

A moción aprobada contempla a creación dun plan extraordinario que inclúe axudas directas e bonificacións fiscais para aqueles negocios que acrediten unha caída de facturación de, polo menos, o 20% como consecuencia directa das obras municipais. Entre as medidas recollidas destacan as bonificacións mínimas do 50% en impostos municipais como o IBI, o IAE, o ICIO ou o imposto de vehículos, así como nas taxas vinculadas á actividade económica, como a recollida de lixo, a ocupación da vía pública ou as licenzas municipais.

Ademais, o plan prevé a posibilidade de aplicar descontos directos nos recibos ou a devolución de importes xa abonados, así como a posta en marcha dun procedemento simplificado de solicitude, co obxectivo de facilitar o acceso ás axudas por parte dos negocios afectados.

Outro dos aspectos clave, explican dende o PSdeG de Ourense, é a compatibilidade destas axudas con outras medidas autonómicas, estatais ou municipais, así como a dotación dunha partida económica específica nos orzamentos municipais, ampliable segundo a demanda. Tamén se establece o carácter retroactivo das medidas desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a finalización das obras e a recuperación da actividade económica normal.

Dende o grupo municipal socialista valoran positivamente a aprobación desta iniciativa, aínda que lamentan a falta de apoio explícito do resto dos grupos. “Hoxe demos un paso importante para facer xustiza co pequeno comercio de Ourense. Agardamos que o goberno local cumpra agora co mandato do Pleno e poña en marcha medidas canto antes”, afirmou a voceira.

0.14323997497559