O PSdeG de Ourense urxe a Jácome a solicitar á Xunta un aumento das prazas do programa Xantar na Casa

O PSdeG do Concello de Ourense esixe ao executivo municipal de Gonzalo Pérez Jácome que inste ao goberno autonómico a asinar unha adenda do convenio coa Xunta de Galicia para a prestación do servizo de Xantar na Casa, podendo dar resposta dese modo ás 9 persoas que se atopan en lista de agarda e ás novas usuarias e usuarios que o poidan precisar.
“En Ourense xa hai actualmente 62 persoas adscritas a este programa de comida a domicilio co que se pretende garantir unha alimentación adaptada ás necesidades das persoas maiores ou dependentes da nosa cidade. Pero a realidade amosa que os e as beneficiarias do servizo deberían ser máis polas solicitudes xa presentadas”, expón a portavoz do PSdeG na Administración local, Natalia González, logo da Xunta de Área de Servizos Sociais que tivo lugar esta mañá.
Neste senso, sinalan que, contra o que afirma o alcalde, o servizo ten unha alta demanda na cidade “malia a escasa publicidade que del se fai” e que urxe habilitar crédito para cubrir a demanda.