O PSdeG de Ourense urxe a Jácome a tomar medidas para evitar un colapso das emerxencias sociais por falta de crédito

Segundo a información facilitada polo executivo de Gonzalo Pérez Jácome nas Xuntas de Área que tiveron lugar esta mañá no Concello de Ourense, tramitáronse un total de 912 axudas de emerxencia no ano 2024 por parte da Administración local e de xaneiro a abril de 2025 un total de 420. “A data 26 de abril de 2025, o crédito dispoñible na partida era de só 30.000 euros, á marxe de posibles bolsas de vinculación que poderían derivarse á mesma para o seu incremento e poder afrontar ás pendentes”, destacan as edís do grupo municipal do PSdeG.
Así as cousas, as socialistas esixen saber cal é a situación real no ámbito económico e a previsión do goberno de DO ante o que pode derivar, novamente, nunha insuficiencia crediticia que deixe durante meses desatendidas e á súa sorte a moitas persoas vulnerables da terceira cidade de Galicia. “Solicitamos o número a día de hoxe de solicitudes pendentes de pago xa tramitadas e non concedidas e tamén das pendentes de tramitación por parte da Concellería”, sinalan sobre o trasladado durante a sesión do órgano de fiscalización.
“Coma sempre dende o noso grupo municipal pedimos previsión, axeitada planificación nesta materia e axilización no cobro das axudas e brindamos o noso apoio a calquera habilitación económica que contribúa a non deixar no limbo a todas estas persoas”, inciden.
O goberno local confirmou nas Xunta de Área, ademais, que accederá despois das innumerables peticións do grupo municipal socialista á convocatoria do Consello Municipal de Servizos Sociais, cun novo regulamento, e que están a recabar información a través dos traballadores e traballadoras para abordar a modificación e mellora do Regulamento de Funcionamento do Fogar do Transeúnte de Ourense.