O PSdeG de Toén considera “inadmisible” subida salarial do concelleiro de infraestruturas

OurenseXa
Acusan ao PP de “baleirar as arcas municipais para encher os petos do equipo de goberno” logo de coñecerse que o concelleiro pasará a cobrar 7.498,71 euros máis ao ano
concello-de-toen
Concello de Toén
25 Feb 2025

O PSdeG-PSOE de Toén pon de manifesto a súa “total” oposición á subida aprobada polo goberno municipal en pleno para que o concelleiro da área de servizos públicos e infraestruturas pase a cobrar 32.436,46 euros anuais. As e os socialistas consideran que “é inadmisible” este aumento, que supón un incremento de 7.498,71 euros ao ano con respecto ao que viña cobrando dende xuño de 2023, e acusan ao PP de “baleirar as arcas municipais para encher os petos do equipo de goberno”.

Dende o grupo municipal socialista afirman que o actual equipo de goberno, encabezado polo alcalde, Ricardo González, “ten como única prioridade para Toén encher aínda máis os seus petos a costa dos cartos públicos”. Neste senso as e os socialistas critican que s suba das contías correspondentes a pagos ao equipo de goberno suporán neste 2025 11.500 euros máis con respecto ao curso pasado.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Toén, Antonio Fernández Feijóo, explica que o alcalde “está actualmente no TOP-5 de alcaldes mellor pagados da provincia, concretamente no segundo posto e por diante de alcaldes de concellos moito máis grandes e con moitos máis habitantes”. O edil socialista destaca tamén que “o aumento da dedicación exclusiva ao concelleiro de servizos públicos e infraestruturas supón que o gasto se dispare aínda máis pasando de supor 24.937,75 euros as arcas municipais en 2024 a ser de 32.436,46 euros”.

“Non entendemos a postura do PP que namentres se opón a subida do salario mínimo interprofesional, aposta por subir os soldos dos seus cargos públicos”, pon de manifesto Fernández Feijóo. Para o voceiro socialista esta “é unha proba máis de que ao goberno municipal do Partido Popular non lle interesa a veciñanza e só miran por eles mesmos, preocupándose máis de subirse os soldos de atender as necesidades da veciñanza”.

Dende o PSdeG-PSOE de Toén instan ao goberno local a “deixar de empregar os cartos públicos para pagar soldiños e a centrarse nos problemas reais de Toén”. Neste senso tamén poñen de manifesto que o municipio “precisa de planificación e non dun goberno local que funciona por pura improvisación, que ningunea a oposición e que non escoita as reclamacións da veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.072393894195557