O PSdeG esixe ao Concello de Ourense que atenda as demandas veciñanza de Verea Vella

O grupo municipal socialista levará ao vindeiro pleno do Concello de Ourense unha moción para instar ao Goberno de Pérez Jácome a escoitar as demandas e necesidades básicas da veciñanza da rúa Verea Vella para que sexan atendidas de xeito urxente polo goberno local.
Xa no mes de agosto, os edís do PSdeG reclamaban que se facilitase toda a información relativa ás obras que se realizarán próximamente para a instalación do saneamento do Parque Coto de Canedo e que afectarán a toda a contorna.
Porén, sinalan que o Executivo local “continúa sen dar explicacións sobre un proxecto que afectará ao acceso das súas vivendas, ao saneamento dos edificios e ás zonas verdes dos bloques da zona, as e os socialistas presentarán no pleno ordinario do mes de outubro unha iniciativa ao respecto”.
No texto rexistrado este luns, os socialistas advirten tamén que o barrio “segue a padecer deficiencias tan graves como instalacións de abastecemento e saneamento obsoletas, con tubaxes de fibrocemento de máis de cincuenta anos, ou unha ausencia absoluta de accesibilidade universal, sen rebaixes nin prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, nunha zona onde a maioría dos veciños teñen máis de 65 anos”.
Piden ademais que dende o goberno local se poña orde no aparcamento ilegal, onde din, non existe planificación nin regulación por parte do Concello, así coma nas carencias na seguridade viaria, “coa existencia dun muro colindante en risco de afundimento e cunha parcela chea de maleza que supón un perigo evidente para o tránsito”. Insisten, ademáis, “nos problemas de insalubridade denunciados pola veciñanza”, entre os que se atopa, explican, unha gran balsa de auga estancada nun solar próximo que provoca a proliferación de insectos e molestias constantes á veciñanza.
Así as cousas, as e os socialistas defenderán unha moción, coa que agardan obter o respaldo do resto dos grupos da oposición, na que se insta ao executivo municipal a solventar todas as deficiencias detectadas e a crear un novo espazo verde e de esparcemento para a veciñanza da Rúa Verea Vella, no caso de que desapareza o pequeno xardín existente debido ás obras de canalización.