O PSdeG pide explicación ao Concello de Ourense pola “inseguridade” no acceso ao CEIP Irmás Vilar

O grupo municipal socialista rexistrou no Concello de Ourense unha batería de preguntas por escrito, con solicitude de resposta urxente, para pedir explicacións ao goberno local pola situación de inseguridade no acceso ao CEIP Irmáns Villar, derivada das obras que se están a executar na rúa Pena Trevinca, así como polos danos ambientais asociados a estas actuacións.
Segundo explican desde o PSdeG, aínda que a obra está promovida pola Xunta de Galicia, o Concello é corresponsable en cuestións como a seguridade viaria, a protección da infancia, o control do espazo público e a conservación do patrimonio arbóreo urbano. “Non vale agocharse detrás doutra administración cando está en xogo a seguridade de nenos e nenas”, sinalan.
O único acceso habilitado actualmente ao centro educativo, explican, discorre por unha zona en obras, con presenza de maquinaria pesada e un paso peonil provisional que a comunidade educativa considera perigoso. Tal e como trasladaron ao grupo socialista, as familias e o profesorado levan días reclamando medidas básicas de seguridade, como a presenza da Policía Local nas horas de entrada e saída do alumnado. “Segundo nos trasladaron, as familias e o profesorado reclamaron sen éxito medidas básicas como a presenza da Policía Local ás horas de entrada e saída do alumnado, algo habitual noutros colexios da cidade”, explica a voceira do PSdeG, Natalia González.
Desde o grupo municipal consideran que a situación é especialmente grave porque, segundo indican, houbo avisos previos e tempo suficiente para actuar. “O máis grave é que houbo avisos, houbo queixas e houbo tempo para reaccionar, pero non se fixo nada; é inadmisible a pasividade do executivo municipal ante unha situación de risco evidente”, lamentan.
A esta situación engádese o que os socialistas cualifican como unha nova “chapuza medioambiental”, tras o formigonado dos plátanos de sombra situados entre a estación de San Francisco e o CEIP Irmáns Villar sen alcorques axeitados, o que, segundo advirten, pon en perigo a supervivencia destas árbores adultas. “Trátase dun espazo especialmente sensible, que funciona como refuxio climático consolidado e que debería ser exemplo de coidado urbano nunha contorna educativa”, engaden.
Desde o PSdeG advirten de que Ourense “non pode seguir avanzando cara a unha cidade deshumanizada, onde se maltrata o patrimonio verde e se improvisa cando se trata da seguridade da infancia”, e reclaman ao Concello respostas claras e inmediatas, así como a adopción urxente de medidas correctoras para garantir un acceso seguro ao CEIP Irmáns Villar e reparar os danos ambientais provocados polas obras.