O PSdeG pide transparencia á hora de implantar o transporte metropolitano en Ourense
Ante a problemática enquistada do transporte metropolitano en Ourense dende hai anos e logo da reunión mantida na Deputación a principios deste mes de xullo con representantes da Administración local, provincial e autonómica, o edil do grupo municipal do PSdeG José Ángel Vázquez Barquero esixiu maior transparencia e explicacións á oposición por parte do goberno de Jácome.
“O obxectivo dese encontro era ambicioso e dada a relevancia do asunto nós esperabamos unha reacción por parte do alcalde ou do seu equipo do executivo. Transcorreron 15 días e non houbo ningunha declaración pola súa banda. A resposta ao traballo desa comisión foi nula”, criticou o socialista en rolda de prensa ante os medios de comunicación. “Entendemos que hai cuestións que deberían explicarse con claridade porque o Concello de Ourense vai aportar máis do 70% dos usuarios e usuarias desa rede que se pretende crear”, argumentou.
Ademais, continuou explicando que a capital da provincia será a que “soporte as principais cargas dos desprazamentos e os principais impactos en termos de mobilidade e pegada medioambiental”. Por iso consideran as e os socialistas que non resulta tan sinxelo como alongar as liñas de autobuses, aumentar as paradas ou adxudicar a concesión, senón que converteuse nunha cuestión moito máis complexa.
“Actualmente, resulta imprescindible redefinir as paradas para delimitar onde van estar os intercambiadores e contemplar o acceso ás principais áreas empresariais, económicas e de desenvolvemento da comarca como os polígonos e parques industriais. Así como a integración en dita rede da Alta Velocidade porque se as liñas provinciais non chegan ata a estación fraco favor imos facer á cidadanía. Tamén haberá que habilitar aparcadoiros disuasorios e establecer un sistema de pago áxil e operativo para os e as viaxeiras, e sería bo que servise tanto para as liñas provinciais como para o transporte urbano”, enumerou sobre algúns dos retos que supón a planificación da rede.
Neste senso, tamén recordou que o propio Pleno do Concello de Ourense se pronunciou ao respecto no mes de xaneiro votando a favor de que o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, instase á Xunta de Galicia para configurar unha mesa de traballo onde concorran todas as administracións e actores implicados. “A resposta do alcalde foi a mesma que a que deu nestas últimas dúas semanas: ningunha”, afirmou o edil do PSdeG.
Rematou incidindo, nesta mesma liña, en que a inexistencia do transporte metropolitano adecuado ao século XXI na cidade e na comarca reside nun problema de ausencia de vontade política no que o PP ten parte de responsabilidade. “Non se move peza e parece ser que non interesa sacar adiante un acordo”, finalizou.