O PSdeG presenta emendas á ordenanza urbanística de Ourense

O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar un paquete de emendas ao proxecto de ordenanza reguladora dos títulos habilitantes de natureza urbanística e das entidades certificadoras de conformidade municipal (ECCOM). Con esta iniciativa, as analistas buscan “reforzar o control público, garantir a seguridade xurídica e evitar a creación dun sistema urbanístico a dúas velocidades”.
Segundo explican, as emendas presentadas parten dunha premisa clara, sinalando que “a necesaria modernización e axilización dos procedementos administrativos non pode facerse a costa de debilitar as garantías públicas nin de desnaturalizar unha función esencial da Administración como é o control urbanístico”. Neste senso, o grupo municipal considera que o texto proposto introduce un desequilibrio evidente ao outorgar ás ECCOM un papel que excede o dunha colaboración técnica auxiliar, aproximándose na práctica a unha substitución parcial das funcións públicas.
As propostas presentadas inclúen a obrigatoriedade de informes técnicos e xurídicos municipais en todos os procedementos, a limitación da intervención das ECCOM a actuacións de escasa entidade, o reforzo do seu réxime de responsabilidade, a creación dun rexistro público das súas actuacións e a implantación de mecanismos de control posterior efectivos por parte do Concello.
Desde o grupo municipal socialista advirten de que o modelo proposto pode introducir “desigualdades no acceso aos procedementos urbanísticos”, favorecendo, din, vías máis rápidas vinculadas á capacidade económica das persoas promotoras.
“O urbanismo non pode converterse nun sistema no que quen paga máis accede antes; non estamos ante un servizo baixo demanda”, sinalan dende o grupo municipal, que lembra que “non estamos falando de Amazon Prime: o urbanismo non pode funcionar a base de pagar para que a licenza chegue máis rápido”.
Por outra banda, subliñan que, a día de hoxe, non existe unha avaliación pública suficiente que demostre que a implantación das ECCOM mellore o control urbanístico ou reduza os riscos asociados ás actuacións, máis alá dunha previsible redución de prazos derivada da externalización de tarefas.
“Non estamos en contra da axilidade administrativa”, conclúen, “pero simplificar non pode ser sinónimo de desprotexer, nin axilizar pode implicar renunciar ao control público”. O urbanismo, alertan, “afecta directamente ao modelo de cidade, ao medio ambiente e ao interese xeral, e por iso debe seguir sometido a criterios públicos, obxectivos e garantistas”.