O PSdeG-PSOE constitúe a súa coordinadora comarcal na zona de Ourense, dirixida por Brian Diz

O PSdeG-PSOE de Ourense continúa co seu proceso de organización territorial e acaba de constituír a coordinadora comarcal na comarca de Ourense, que estará liderada polo concelleiro de Amoeiro, Brian Diz González.
Na reunión, celebrada na sede provincial do partido, participaron o secretario provincial Álvaro Vila Araújo, o secretario de organización Antonio González Fiuza, a vicesecretaria xeral Carmen Rodríguez Dacosta e o subsecretario de organización Javier Rey Rey, xunto con representantes socialistas de case todos os municipios da comarca, entre eles Ourense, Amoeiro, A Peroxa, Vilamarín, Barbadás, Toén, Coles, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Esgos e Allariz.
O obxectivo deste novo órgano é fortalecer a estrutura do partido municipio a municipio e avanzar na preparación das próximas eleccións municipais de 2027.
Os socialistas destacan que estas reunións comarcais “están a ser moi produtivas para coñecer de primeira man as necesidades de cada grupo local” e engaden que “estamos a traballar intensamente coa vista posta en 2027, pero tamén para escoitar as suxestións e demandas das nosas posicións políticas e orgánicas en toda a provincia”.
O PSdeG-PSOE subliña que a súa meta é “aumentar o número de alcaldes, mellorar os resultados electorais, fortalecer o partido en municipios e rexións e conformar candidaturas o máis potentes e sólidas posible para acadar os obxectivos”.
Desde a dirección provincial inciden en que o traballo destas coordinadoras busca reforzar a presenza do partido no territorio, escoitar á militancia e consolidar equipos locais fortes e preparados.
En relación coa comarca de Celanova, destacan que “enfrontámonos a unha comarca clave no partido xudicial de Ourense, que conta coa maioría dos votantes da provincia”. Actualmente, os socialistas gobernan en Amoeiro, Coles, Barbadás e Maceda, e teñen representación na maioría dos municipios, agás en Xunqueira de Ambía. “Queremos mellorar os resultados en todos os municipios, aumentar o número de alcaldes e concelleiros en toda a comarca e gobernar na cidade de Ourense”, conclúen.