O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia a situación de “abandono” que vive a veciñanza do municipio

OurenseXa
Os socialistas denuncian a falla de solucións por parte da Xunta de Galicia a máis de 1200 propietarios de parcelas nunha concentración na parroquia de Cartelle
Casa do Concello de Cartelle
12 Xuño 2024

O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia, unha vez máis, a situación de “abandono” que viven os veciños e veciñas do municipio ante a falla de solucións por parte da Xunta de Galicia a máis de 1200 propietarios de parcelas nunha concentración na parroquia de Cartelle. As e os socialistas denuncian que o PP “segue dando as costas á veciñanza” e critican que tras varias denuncias ao longo dos últimos anos, “fosen incapaces de mover un dedo para solucionar unha problemática que se arrastra dende o ano 1993”.

Dende o grupo municipal socialista volven a reiterar a necesidade de que as institucións municipal e autonómica “se poñan a traballar xa para dar solución a esta grave problemática, que provoca que os propietarios das parcelas non dispoñan de ningunha escritura que certifique a titularidade dos terreos”. Cabe lembrar que tras iniciarse a concentración en 1993, a mesma rematou entre o ano 2006 e 2007, pero ata o día de hoxe “ningún veciños recibiu o título que o autoriza como propietario da parcela”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, afirma que a veciñanza destinou no seu día estas fincas a concentración parcelaria, co obxectivo de “buscar a produtividade destas terras, pero o proxecto quedou completamente abandonado”. O concelleiro socialista acusa á Xunta e a Medio Rural de “desviar o tema, dicindo que os papeis están nunha notaría, sen ofrecer solucións, nin asumir responsabilidades”.

Pereiras Vázquez apunta a que a veciñanza vese obrigada a desprazarse ata estruturas agrarias “en busca dunha certificación cada vez que precisan solucionar algún problema relativo as súas parcelas, ao non dispoñer do título de propiedade”. O voceiro socialista considera “inadmisible” a situación e esixe “solucións urxentes para unha veciñanza farta de promesas incumpridas por parte dos gobernos municipal e autonómico do Partido Popular”.

Os e as socialistas volverán a presentar un escrito en Medio Rural para buscar solucións para os veciños e veciñas desta parcelaria e pedir que “con urxencia” se proceda a elaboración dos títulos de propiedade e que se “poña fin ao abandono e o desleixo que sofren en Cartelle por parte do PP, que opta por abandonar á veciñanza e deixar morrer o rural”.

0.16075491905212