O PSdeG-PSOE de Ourense convoca o seu Comité Provincial para o 22 de novembro

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou en Ribadavia unha nova reunión ordinaria da súa Comisión Executiva Provincial, na que se acordou convocar o Comité Provincial, máximo órgano do partido entre congresos, para o vindeiro 22 de novembro en O Carballiño.
Durante a sesión, as e os membros da Executiva destacaron a “importancia de pórse a traballar no territorio”, co obxectivo de “reforzar o poder municipal” do partido, nun “momento clave” no que “chegou o momento de traballar a reo” de cara aos “importantísimos” comicios municipais de 2027.
“Imos formar as mellores candidaturas posibles, con grandes candidatos e candidatas para obter un partido máis forte en cada concello e en toda a provincia”, subliñou o secretario provincial, Álvaro Vila, quen asegurou que “neste mandato imos desprazarnos ao longo de toda a provincia” e que “comezamos no Ribeiro, unha importante comarca na que contamos con alcaldías históricas e representación en numerosos concellos”.
Vila recalcou a intención de “traballar intensamente no territorio, escoitando as nosas bases, traballando cóbado con cóbado con eles e acadando un partido máis activo e forte, que siga medrando e que recupere músculo en cada comarca e concello”.
Con este encontro, a dirección socialista inicia unha serie de xuntanzas por diferentes puntos da provincia, tal e como se comprometera no seu V Congreso Provincial.
A dirección provincial informou tamén das reunións mantidas nas últimas semanas en todas as comarcas, así como da constitución das coordinadoras comarcais, e avanzou que nas próximas semanas se celebrarán novos actos e encontros en diferentes puntos da provincia.