O PSdeG-PSOE de Ourense ofrece asesoramento aos retornados procedentes de Alemaña

OurenseXa
Dende a área de migracións póñense a disposición dos retornados para aclarar cuestións sobre a exención da declaración da renda e a devolución por ingresos indebidos ante a facenda alemá
Luis Gulín nun encontro co colectivo de retornados de Maceda
Luis Gulín nun encontro co colectivo de retornados
7 Mar 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migracións prosegue coa súa labor de asesoramento ao colectivo de emigrantes retornados. A área de migracións resolveu nas últimas semanas novas solicitudes de retornados da provincia, asesorándoos e axudándolles na preparación da documentación pertinente.

A axencia tributaria alemá (Finanzamt Neubrandenburg) está a enviar a emigrantes retornados residentes na provincia de Ourense cartas liquidadoras das declaracións da renda 2023 e 2024 ofrecendo só a opción de acollerse á obrigación persoal. “Está opción é prexudicial para os interesados dado que só se aplica o 75% do exento mínimo para non declarar”, explica o secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias”.

Se para o ano 2023 o mínimo exento alemán estaba establecido en 10.908 euros anuais, a opción por obrigación persoal permite estar exento soamente ata 8.181 euros anuais segundo unha directriz que entrou en vigor o ano fiscal 2023 e que afecta aos pensionistas no exterior. Para o ano 2024, o mínimo exento está establecido en 11.604 euros, reducíndose a obrigación persoal en 8.703 euros anuais.

Varios retornados da zona de Esgos, Toen, Boborás, Vilamarín e Maside contactaron coa secretaría provincial de migracións solicitando información e aclaracións. “En todas as reclamacións, os ingresos individuais declarados andaban, para o ano 2023, entre os 8.181 e 10.980 euros anuais”, afirma Luís Gulín, que tamén apunta que “neste caso están exentos de declarar por obrigación real, opción á que lles corresponde acollerse ao ser a máis beneficiosa”.

Por parte da secretaría provincial de migracións preparouse a documentación correspondente cos certificados da Facenda española solicitando a exención da declaración da renda ou a devolución por ingresos indebidos. “Lembramos aos retornados, que antes asinar e acollerse a unha das opcións tributarias (obrigación persoal ou real), poden consultar coa secretaría provincial de migracións as táboas correspondentes de exención”, finaliza Luís Gulín.

⚙ Configurar cookies
0.049566984176636